O conselleiro destaca a necesidade de fomentar a cultura do emprendemento e o autoemprego entre o alumnado de FP

Xesús Vázquez Abad participou hoxe na inauguración do programa formativo “Outra maneira de fomentar o espírito emprendedor na aula”, na Cámara de Comercio de Ourense

Lun, 11/07/2011 - 12:45

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración do programa formativo “Outra maneira de fomentar o espírito emprendedor na aula”, organizado pola Cámara de Comercio de Ourense, onde destacou a necesidade de impulsar o espírito emprendedor entre o alumnado de Formación Profesional. “Fomentar elementos como a creatividade, a capacidade de resolución de problemas ou o traballo en equipo –dixo- logrará que vexan o autoemprego como unha opción profesional, que saiban como converter unha boa idea nun proxecto de empresa viable”. No acto estivo presente tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.

Coa súa colaboración nesta iniciativa, o departamento educativo da Xunta de Galicia quere impulsar a formación do profesorado de FP ao longo da súa carreira, co fin de que estes poidan ofrecer as mellores ensinanzas ao seu alumnado.

Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo do curso é que os profesores sexan quen de “orientar e sensibilizar sobre o espírito emprendedor ao seu alumnado, darlles ferramentas para que poidan dar os pasos cara á creación dunha empresa e pautas para evitar o fracaso”.

Neste sentido Vázquez Abad destacou a necesidade “de dar un empuxón a esa mocidade con inquedanzas empresariais que será, sen dúbida, a semente na que prenderá o noso futuro”.

Sesións teórica e visitas a empresas

O curso que hoxe comeza ten por obxectivo a orientación e sensibilización sobre o espírito emprendedor nas ensinanzas de FP. No programa desenvólvense os diferentes pasos para a creación dunha empresa e a promoción e o fomento económico, achegando ademais pautas para evitar o fracaso, e enriquecer as propostas que garantan o éxito das posibles iniciativas que o alumnado de FP poida emprender.

Para complementar as sesións teóricas os asistentes ao curso visitarán empresas creadas por estudantes de Formación Profesional, e organismos e institucións centradas no apoio e a creación e consolidación de proxectos empresariais. Ademais realizaranse dinámicas de grupo para desenvolver a capacidade de traballo colectivo.

Fomento da cultura do emprendemento

O programa formativo entronca  co Plan eduemprende, a iniciativa da Consellería de Educación que funciona como marco de fomento do espírito emprendedor e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería quere transmitir á comunidade educativa.

Deste xeito, Educación fai unha aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios da cultura do emprendemento, necesaria na procura da mellora da competitividade das empresas e da empregabilidade dos galegos e das galegas.