O conselleiro de Educación asistiu ao acto de entrega dos diplomas dos Bachelor in Business Administration da Escola de Negocios Novacaixagalicia

Xesús Vázquez Abad destacou a necesidade de que a formación superior se adapte ás necesidades da sociedade e ás demandas empresariais

Hoxe recibiron o seu título 35 alumnos deste centro

Lun, 04/07/2011 - 19:30

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a necesidade de que a Universidade se adapte ás necesidades da sociedade e ás demandas empresariais, no marco do acto de entrega dos diplomas dos Bachelor in Business Administration da Escola de Negocios Novacaixagalicia. No acto, no que recibiron as súas credenciais 35 alumnas e alumnos, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que o cambio ao novo Espazo Europeo de Educación Superior é “unha oportunidade única” para que a formación superior empece a ter en conta estes aspectos, “formando non só en contidos, senón tamén en habilidades e destrezas”.

Deste xeito o conselleiro dirixiuse aos estudantes explicou que a graduación da décimo cuarta promoción do Bachelor in Bussiness Administration “achega ao tecido empresarial da nosa comunidade unha necesaria vía de renovación”, e fixo fincapé na necesidade das empresas de contar con profesionais polivalentes, “persoas, coma vostedes, quen de adaptarse a un mundo en rápido e continuo cambio continuo, de tomar decisións autónomas e de traballar en equipos multidisciplinares”.

Unha titulación de prestixio

Vázquez Abad destacou a calidade da titulación de Bachelor, “que ten detrás a institucións de recoñecido prestixio como a obra social de Novacaixagalicia e a Universidade de Gales”. Ademais lembrou o traballo desenvolvido na Escola de Negocios, "que leva máis de dúas décadas sendo un extraordinario viveiro de intelixencia creativa do que brotan, ano tras ano, profesionais con mentalidade innovadora, preparados desde a excelencia para ser os empresarios do futuro”. Desde o ano 1994 pasaron por esta escola máis de 500 alumnas e alumnos.

O conselleiro recordou tamén que o curso 2010/2011 que acaba de finalizar foi o primeiro no que a Escola de Negocios estivo adscrita á Universidade de Vigo, polo que se impartiu o primeiro curso do Grao Oficial en Dirección e Administración de Empresas BBA, o primeiro grao oficial privado de Galicia.

Na entrega de diplomas participaron xunto co conselleiro o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o copresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso. Ademais interviron o Pro Vice-Chancelor da Universidade de Gales, professor Nigel Palastanga, o director da Escola de Negocios , Eduardo García Erquiaga, e as alumnas Ainara Lizarralde e Alejandra Verea, en representación daos graduados.

Ademais asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, o director xeral de Novacaixagalicia, José Luis Pego, e a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Mª Teresa Pisano.

O acto pechouse coa interpretación do ‘Gaudeamus Igitur’ e coa actuación da Banda de Gaiteiros da Diputación de Pontevedra.