Educación acometerá unha rehabilitación enerxética en oito centros escolares en 2020, cun investimento de 5,2 M€

Trátase do CEIP de Palmeira (Ribeira), CEIP Monte dos Postes (Santiago de Compostela), IES Lama das Quendas (Chantada), CEIP Pedro Casielles Rollán (Xove), CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP Curros Enríquez (Celanova), CPI da Cañiza (A Cañiza) e CEIP do Carballal (Marín)

En todos eles levarase a cabo unha reforma que incremente a eficiencia enerxética e que abrangue actuacións específicas en cubertas, fachadas, carpinterías e luminarias, entre outras

Desde 2016 a Consellería realizou intervencións deste tipo en 38 centros (8 deles rematados ao inicio deste curso), que supuxeron un investimento de máis de 18 millóns de euros

Ven, 20/09/2019 - 12:48

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de encargar os proxectos para a rehabilitación enerxética completa en oito centros escolares de Galicia -a razón de dous por provincia- no vindeiro ano 2020, unha actuación que suporá un investimento total de máis de cinco millóns de euros.

Os centros obxecto desta actuación son CEIP de Palmeira (Ribeira), CEIP Monte dos Postes (Santiago de Compostela), IES Lama das Quendas (Chantada), CEIP Pedro Casielles Rollán (Xove), CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP Curros Enríquez (Celanova), CPI da Cañiza (A Cañiza) e CEIP do Carballal (Marín).

Deste xeito, o departamento que dirixe Carmen Pomar, continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer un maior confort aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios. A iniciativa enmárcase na actualización do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016, e que conta cun orzamento global de 199,7 millóns de euros ata 2021.

En todos os casos, os traballos supoñen unha reforma enerxética e funcional dos  centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos), carpinterías (substitución por ventás con rotura de ponte térmico), luminarias (substitución por equipos de alta eficiencia enerxética) e outros elementos das instalacións. Estas actuacións complementaranse con outras actuacións, como o pintado de aularios ou posibles melloras funcionais segundo o establecido nos proxectos técnicos. Faranse tamén melloras estéticas e funcionais coa incorporación dunha imaxe corporativa única a través da gama de cores empregadas nas aulas, así como en todos os elementos identificativos e sinaléctica dos centros.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, de aquí a finais deste ano procederase á redacción de cada un dos proxectos (xa encargados), coa intención de que o proceso de licitación e adxudicación de obras estea rematado antes do vindeiro xuño de 2020.

Balance 2016-2018

Desde que se puxo en marcha esta acción, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 18 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 38 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de catro anos.

De feito, no presente ano acometéronse obras deste tipo en Noia, Teo, Láncara, Lugo, Maside, Ourense, Cerdedo-Cotobade e Vilagarcía de Arousa. Todas estas obras estaban rematadas ao inicio do curso escolar.

Aposta polo medio ambiente

Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas.

Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción. De feito, as actuacións realizadas entre 2016 e 2019 supuxeron un aforro en termos enerxéticos de 8,3 millóns de kw/hora anuais. Ademais de incrementar o confort nos centros educativos, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.

Como en anos anteriores, os proxectos foron encargados a arquitectos novos nos que se tivo en conta a perspectiva de xénero nun sector laboral (construción) no que a contratación de mulleres é notablemente inferior.