Educación achega 553.000 euros a 110 ANPAS de toda Galicia para cofinanciar os servizos de comedor escolar que xestionan

O Goberno galego financia ata un máximo do 50 por cento do custo deste servizo en cada centro

Sáb, 21/09/2019 - 12:00

Un total de 110 ANPAS de toda Galicia resultaron beneficiadas coa convocatoria de axudas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o cofinanciamento do servizo de comedor escolar xestionado polas asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo de educación infantil;   e que se corresponde co curso 2018-19.

O Diario Oficial de Galicia publica a relación de que obteñen apoio financeiro para este servizo, para o cal a Consellería destina un total de 553.000 euros.

A Consellería financia ata un máximo do 50 por cento do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender o alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.