Carmen Pomar destaca o investimento de máis de 540.000 euros na rehabilitación enerxética do CEIP Arealonga

A conselleira comprobou hoxe o avance das obras
A actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas
Ven, 30/08/2019 - 11:39

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Arealonga, onde destacou o investimento de 540.978,23 euros que o seu departamento realiza na rehabilitación enerxética deste centro. Tal e como sinalou, o obxectivo é que o groso dos traballos estea rematado ao inicio do curso escolar. En calquera caso gardaranse as maiores condicións de seguridade naquelas obras que deban compatibilizarse co período lectivo. Durante a visita a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A actuación, que forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, inclúe a substitución da meirande parte das carpinterías exteriores por unhas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a colocación de novas persianas con illamento térmico. Así mesmo illarase a fachada mediante a inxección de poliestireno expandido e a adición de lá de roca na baixo cuberta e impermeabilizaranse os aleiros.

Ademais, mellorarase a instalación de calefacción e substituirase a iluminación dos edificios que compoñen o centro por luminarias LED con equipos de regulación e de detección de movemento. Tamén se renovarán algunhas portas e tabiques interiores, se pulirá o pavimento de terrazo e se pintarán os paramentos e portas do edificio de infantil, entre outras melloras.

Durante a súa visita a conselleira salientou a implicación da comunidade escolar no desenvolvemento dos diferentes programas impulsados desde a Consellería. Non en balde, o CEIP Arealonga incorporouse ao proxecto de libro dixital E-Dixgal o pasado curso 2018/19, curso no que tamén desenvolveu cinco das sete liñas dos contratos-programa. O centro forma parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e participou o curso pasado en dúas iniciativas do Plan Proxecta, en concreto Proxecto deportivo de centro e Protexe os animais.