Carmen Pomar salienta un investimento de máis de 2 M € en obras de rehabilitación integral e enerxéticas na cidade de Lugo

A conselleira de Educación visitou esta mañá o CEIP Luís Pimentel e o IES Muralla Romana

A Xunta está tamén a acometer unha obra destas características no CEIP de Casás

Mar, 27/08/2019 - 11:54
Carmen Pomar salienta un investimento de máis de 2 M € en obras de rehabilitación integral e enerxéticas na cidade de Lugo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou esta mañá o investimento que o seu departamento está a facer en obras de rehabilitación integral e enerxética en centros da cidade de Lugo, que supera os 2 millóns de euros. Fíxoo durante a súa visita ao CEIP Luís Pimentel, onde comprobou o avance da obra de rehabilitación enerxética, que conta cun orzamento de 469.455,80 euros.

Cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia ten tamén en marcha as rehabilitacións integrais do IES Muralla Romana (Lugo), por importe de 833.576,86 euros e do CEIP de Casás, que supón un investimento de 732.571,91 euros. Todas estas obras forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e as dúas rehabilitacións integrais realízanse ao abeiro do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.

CEIP Luís Pimentel

O obxectivo principal da intervención no CEIP Luís Pimentel é mellorar as condicións de eficiencia enerxética do centro, para o que se realizan actuacións como a renovación das fiestras e as caixas das persianas, a substitucións das válvulas dos radiadores ou a instalación de novas luminarias de alta eficiencia enerxética con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza.

Ademais colocarase illamento de poliestireno inxectado na cámara dos muros, así como lá de roca coa mesma finalidade no forxado.

A maiores a obra inclúe a colocación de falsos teitos nas aulas, a substitución das portas interiores, o pulido do pavimento de terrazo e traballos de pintado, entre outras melloras. Así mesmo realizaranse obras para mellorar un dos aseos do edificio de Educación infantil e para redistribuír os espazos neste aulario. Ademais, os remanentes na obra permitirán colocar fiestras novas tamén no edificio de infantil, así como sistema SATE de illamento, e pintado de aulas.

A previsión é que os traballos no edificio principal estean rematados antes do inicio do curso escolar, mentres que os restantes se compatibilizarán coa actividade lectiva coas máximas condicións de seguridade.

IES Muralla Romana

As actuacións contempladas na rehabilitación integral do IES Muralla Romana, que tamén visitou esta mañá Carmen Pomar, inclúen medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética e, ao seu remate, suporán un aforro do 80,63% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 83,06% en emisións de CO2.

Co fin de mellorar a eficiencia enerxética do centro colocarase un sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE, mudaranse as fiestras para instalar unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, renovaranse as persianas e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza. Así mesmo, substituiranse a caldeira existente de gasóleo por un sistema con caldeiras de biomasa.

A actuación inclúe tamén a reforma dos aseos, o esmaltado de radiadores do centro, o abrillantado do pavimento de terrazo, a reparación e pintado de paramentos interiores e a colocación de novo falso teito acústico en varias aulas.

Novo ciclo de FP Dual

Durante a súa visita ao centro a conselleira lembrou que este curso que comeza o IES Muralla Romana oferta unha nova edición do ciclo de grao superior na modalidade de FP Dual en Estética integral e benestar, en colaboración con Inversiones Hosteleras de Galicia.

Para a mellora das instalacións desta familia profesional estase a ultimar o proxecto de ampliación dos talleres e aulas. Esta obra licitarase unha vez supervisado o proxecto, no último trimestre deste ano ou primeiro do 2020.

Neste sentido Carmen Pomar quixo agradecer a colaboración do equipo docente deste instituto na implantación da Formación Profesional Dual, unha modalidade de futuro que está a permitir que practicamente a totalidade do alumnado titulado atope traballo ao rematar os estudos.

Declaracións da conselleira