Educación investirá 6,3 millóns de euros en axudas de apoio á etapa predoutoral dos titulados nas universidades galegas

Con estes contratos contribúe a equiparar os recursos humanos de investigación do Sistema Universitario de Galicia cos doutros países europeos

O número de axudas increméntase nun 35% esta convocatoria respecto de 2009

Xov, 30/06/2011 - 18:05

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá 6,3 millóns de euros na concesión de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2011. Deste xeito Educación incrementa o número destes contratos nun 35% - das 74 do ano 2009 ás 100 da presente convocatoria-.

Con estas axudas o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad fomentará que as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) contraten tituladas e titulados superiores para a súa formación como doutores nos seus centros. A contratación deste persoal nas etapas iniciais é de gran  relevancia para lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Esta etapa constitúe, ademais, a base para que mediante a execución dun proxecto de investigacións se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Contía e requisitos

A consellería financiará un máximo de 100 contratos de 21.000 euros anuais, cunha duración máxima de tres anos. A porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidade, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias da Saúde) non será inferior ao 15% dos contratos financiados.

Poderán solicitar estas axudas, co visto e prace da súa universidade, as tituladas e titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG, estean matriculados nun programa de doutoramento oficial impartido nunha universidade do SUG e estean tamén a realizar a tese nunha destas universidades. Os seleccionados quedarán vinculados á universidade onde desenvolva a súa actividade a través dun contrato de traballo en prácticas ou dun contrato laboral.

Incompatibilidades

Os seleccionados para percibir estas axudas poderán recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar segundo o seu proxecto, tales como asistencia a congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación.

Porén, as axudas concedidas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e coa realización doutro traballo remunerado. Tampouco poderá beneficiarse destas axudas quen teña sido contratado coas axudas do Programa María Barbeito do INCITE, ou quen conten con outras bolsas ou contratos predoutorais equivalentes durante un período igual ou superior a nove meses.

A convocatoria desta axudas constitúe unha aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, unha iniciativa que se está a ver reforzada coa posta en marcha do novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Coñecemento 2011-2015 (I2C)