O DOG publicou hoxe a orde que equipara o horario lectivo dos mestres galegos ao da maioría das comunidades autónomas do Estado

A Consellería quere unha maior atención ao alumnado e pide un esforzo na mellora da calidade do ensino e na procura da excelencia

Xov, 30/06/2011 - 17:25

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se equiparará a carga lectiva dos mestres de educación infantil, primaria, e educación especial á que teñen os docentes de 11 das 17 Comunidades Autónomas. A consellería, no exercicio da responsabilidade que lle compete, decidiu aprobar esta nova norma, que entrará en vigor o vindeiro curso, despois de que os sindicatos desbotaran o diálogo nunha mesa sectorial da que se levantaron e abandonaron.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá resposta ás necesidades existentes no sistema educativo galego, facendo unha nova aposta pola calidade do ensino. O reordenamento do horario lectivo, que pasará de 21 a 25 horas, permitirá á comunidade educativa dispor de máis horas de reforzo, de apoio, e de atención aos nenos con dificultades na aprendizaxe e con necesidades educativas especiais. Ademais facilitaranse os desdobramentos, as substitucións breves e apoio a outros mestres, o que redundará nun beneficio para toda a comunidade educativa. Ademais, a Orde regula a atención dos escolares á chegada e saída do transporte aos centros, unha guardia que xa se vén facendo desde sempre, principalmente polos equipos directivos.

Cómpre lembrar que este reordenamento non significa un aumento da xornada laboral dos docentes que continuará situada en 37,5 horas semanais. Así, con Galicia serán 11 as Comunidades que aplican xa as 25 horas (Andalucía, Aragón, Navarra, Baleares, A Rioxa, Estremadura, Madrid, Comunidade Valenciana, Asturias e Cantabria). De feito, en Galicia a xornada lectiva semanal xa era de 25 horas ata as modificacións introducidas no ano 2007.

Polo que atinxe a como se vai ver afectado o profesorado interino, a Consellería de Educación quere aclarar que se van contratar máis destes mestres ca o ano pasado, xa que é preciso cubrir os postos dos funcionarios xubilados que o Ministerio non permite sacar como prazas de oposición.