Xesús Vázquez Abad sinala no Parlamento que afronta o vindeiro curso escolar cunha clara aposta pola mellora do sistema

Consolidárase a orientación nos ámbitos educativos e profesionais e comezará a aplicarse a recen aprobada Lei de Convivencia

O conselleiro recorda que nos dous últimos anos avanzouse na transformación do ensino grazas a proxectos innovadores e a que se optimizaron os recursos

Mér, 29/06/2011 - 18:25
Xesús Vázquez Abad no Parlamento de Galicia
Xesús Vázquez Abad no Parlamento de Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que o vindeiro curso seguirá a traballar na mellora continúa do sistema educativo, para “consolidar o xa feito e, de acordo cos orzamentos dispoñibles, afondar nas medidas postas en marcha”. Ao mesmo tempo recordou que o vindeiro curso comezará a aplicarse a recen aprobada Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa.

A devandita lei únese á actividade normativa xa desenvolvida ao longo dos dous anos de lexislatura, nos que foi aprobado o Decreto que establece o currículo da Educación Infantil en Galicia, ou o de Plurilingüísmo, así como o de Ordenación Xeral da Formación Profesional na Comunidade Autónoma. Neste punto recordou que “en pouco máis de dous anos de lexislatura, teremos máis de 40 decretos de adaptación de currículos de FP, fronte aos seis do bipartito en toda a lexislatura”.

Traballo continuo

O titular do departamento de Educación lembrou tamén que o vindeiro curso educativo volverase a avanzar de cara a unha formación profesional máis eficiente e ao aumento da inserción laboral, motivo polo que se puxeron en marcha 7 novos centros integrados de Formación Profesional e 1.100 novas prazas.

Ademais darase un paso máis na implantación do uso de novos idiomas e das TIC nos centros educativos, polos que se prevé que o Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras chegará a un centenar de centro plurilingües e 1.600 seccións bilingües.

Por outra banda recordou que no curso 2010-2011 comezou o Proxecto Abalar que dixitalizouse e deu servizo a 14.500 estudantes de preto de 300 centros. Un número que se incrementará para o vindeiro ano académico e chegará a máis de 340 centros galegos e 31.500 alumnas e alumnos.

Servizos escolares

Vázquez Abad sinalou finalmente que entre as múltiples funcións da Consellería continuarán apoiando os servizos ofertados aos estudantes como os comedores e o transporte escolar. Neste punto recordou que nos dous últimos anos incrementouse en 6.000 o número de prazas de comedores e nun 2,3% no relativo ao transporte que da servizo a máis de 90.000 nenas e nenos en 4.800 rutas.

Coa finalidade de traballar a prol do sistema educativo o Vázquez Abad rematou recordando que “ademais destas prioridades, seguiremos garantindo a actividade ordinaria dos preto de 1.500 centros educativos de Galicia e dos servizos de transporte e de comedor”.