A Consellería afirma que a reestruturación de horarios lectivos continúa a súa tramitación a prol dunha maior calidade educativa

Educación recorda a necesidade desta reordenación co obxectivo de mellorar o sistema educativo galego e responder as necesidades existentes

A protesta realizada hoxe polas organizacións sindicais reuniu a menos dun 10% dos profesionais convocados

Mar, 28/06/2011 - 19:50

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa coa tramitación da medida que suporá a reestruturación dos horarios lectivos a prol dunha maior calidade no sistema educativo galego.

A Consellería sinala que as organizacións sindicais deben replantarse a súa actitude unha vez vista a escasa participación na xornada de protesta convocada para hoxe pola mañá, onde reuniron a menos dun 10% dos máis de 15.000 profesionais convocados.

Desde a administración recórdase que a tramitación do reordenamento da xornada laboral do profesorado de infantil, primaria e educación especial, non significa un aumento da xornada laboral dos docentes que continuará situada en 37,5 horas semanais, senón que ao que fai referencia é a que os profesores pasen a ter 25 horas lectivas en lugar de 21.

Neste punto a Consellería destaca que esta acción resposta ás necesidades existentes no sistema educativo galego, e que é un paso máis de cara a mellorar a formación dos seus estudantes. Esta reordenación permitirá á comunidade educativa dispor de máis horas de reforzo, de apoio, e de atención aos nenos con dificultades na aprendizaxe e con necesidades educativas especiais. Ademais dos desdobramentos, as substitucións breves e apoio a outros mestres.

Lei de Convivencia

Por outra banda debateuse hoxe no Parlamento Galego a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa que potencia a calidade educativa dignificando a figura do profesor, e dándolle a consideración de autoridade pública.

Asemade a lei fomenta a participación directa das familias e a autonomía dos centros educativos. O texto dá ferramentas e procedementos máis áxiles ao persoal educativo para prever e solucionar conflitos nas aulas. Neste contexto achega seguridade e cobertura xurídica aos profesores e outros colectivos, recollendo novas problemáticas como un mal uso das novas tecnoloxías. Cómpre destacar que esta lei regula condutas, como as de acoso escolar, aspecto no que Galicia é pioneira a nivel nacional.