Carmen Pomar participa na inauguración do XXI Congreso Socepa e Intereuropeo de Parasitoloxía

Mér, 03/07/2019 - 11:15
Carmen Pomar participa na inauguración do XXI Congreso Socepa e Intereuropeo de Parasitoloxía

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na inauguración do XXI Congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía (Socepa) e Intereuropeo de Parasitoloxía, que reúne no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de 200 expertos e expertas neste eido.

Durante a súa intervención destacou que a investigación universitaria “debe servir para mellorar a sociedade” e que o coñecemento científico reverta en avances nos distintos ámbitos, coma o rural, a sanidade ou a industria”.

A este obxectivo de transferencia da investigación responde precisamente este congreso de Parasitoloxía. En palabras da conselleira, o encontro “pon ante os ollos da sociedade a relevancia dunha especialidade que, polas súas importantes repercusións na saúde humana e animal, centra gran parte dos seus esforzos investigadores na medicina, na veterinaria e na farmacia”.

Carmen Pomar lembrou que as científicas e científicos universitarios, xunto cos grupos e os centros de investigación que están funcionando hoxe en Galicia, contan co apoio decidido do Goberno galego para consolidar un sistema de investigación que exerza de polo tractor para o progreso e a mellora da competitividade, e avogou por seguir de cara ao futuro na senda da cooperación, a innovación e a internacionalización.

Entre hoxe e o 5 de xullo o congreso afondará nos múltiples ámbitos de traballo desta disciplina a través de dez mesas redondas e a presentación de máis de 250 comunicacións e paneis, nas que se abordarán a enfermidade de chagas, a resposta inmunitaria e a vacinación ou os problemas que as enfermidades transmitidas por parasitos poden supor na acuicultura, entre outros asuntos. O evento inclúe tamén a IV Xornada de Novos Investigadores, dirixida a darlles visibilidade aos estudos de novos e novas especialistas, e un concurso de fotografía.

No encontro participan expertos nesta disciplina procedentes do resto do Estado, así como de Portugal, Italia, Venezuela e Bolivia. Ademais da conselleira na inauguración participaron o presidente da SOCEPA, Basilio Valladares; a presidenta do Congreso, Cristina Arias; a presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Patrocinio Morrondo; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores.