Educación recorda que o paso do decreto para a creación de novos centros integrados de FP polo Consello Escolar non é preceptivo

O informe da Asesoría Xurídica da Consellería determinou que o decreto 118/2011 non se axusta aos casos de consulta obrigatoria recollidos na Lei 3/1986 de consellos escolares de Galicia

Ven, 24/06/2011 - 14:40

Diante das acusacións da Confederación Intersindical Galega (CIG) respecto da aprobación do Decreto 118/2011, polo que se crearon 7 novos centros integrados de Formación Profesional (CIFP), a Consellería de Educación e Ordenación recorda a esta organización sindical que o devandito decreto non é de paso preceptivo polo Consello Escolar de Galicia.

Neste sentido cómpre sinalar que o Decreto 118/2011 é unha potestade autoorganizatoria, con efectos inmediatos internos e non ad extra, é dicir, que non se trata dunha normativización “de cero”, xa que se realiza ao abeiro do disposto no decreto 226/2007 polo que se regulan os centros integrados de formación profesional de Galicia. Deste xeito, o decreto de creación de 7 novos CIFP non se axuste aos casos de consulta preceptiva establecidos na Lei 3/1986 de consellos escolares de Galicia.

A Consellería de Educación someteu o decreto á análise da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia previo ao seu paso polo Consello de Goberno. Así, no informe da Asesoría Xurídica establécese que non é preciso o somentemento do Decreto 118/2011 aos ditames do Consello Escolar nin do Consello Consultivo, polo que a Consellería actuou conforme a dereito ao levalo directamente ao Consello da Xunta.

Negativa ao diálogo

É necesario ademais recordar que os sindicatos se negaron ao diálogo sobre esta mesma norma na mesa sectorial do ensino non universitario do pasado 10 de xuño. De feito, a Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (UXT) e o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) abandonaron a mesa como xeito de manifestar o seu desacordo coa tramitación do proxecto de decreto que regulará os novos centros integrados de Formación Profesional.

Con todo, a Consellería de Educación continuou cos trámites para a aprobación deste decreto, co que se crearán máis de 1.100 novas prazas en ciclos formativos, cunha oferta flexible e variada, baseada na adaptación dos currículos ás necesidades dos sectores socioprodutivos de Galicia, e na extensión da FP a distancia ás 4 provincias galegas.