A Consellería de Educación investirá arredor de 5 M€ en infraestruturas educativas no concello de Ames nos vindeiros anos

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou o IES de Ames, do que destacou os proxectos educativos desenvolvidos polo centro, sobre todo no ámbito do plurilingüismo e de biblioteca escolar

Ratificou o apoio da Consellería á mellora das infraestruturas educativas no Concello de Ames, coa construción do novo CEIP do Milladoiro e a ampliación de seis aulas no CEIP Agro do Muíño

Canto aos servizos educativos, proximamente renovarase o acordo do Concello para subvencionar o comedor escolar en 5 centros, cun incremento dun 16% ca contía con respecto ao convenio agora vixente

Lun, 17/06/2019 - 16:15
A Consellería de Educación investirá arredor de 5 M€ en infraestruturas educativas no concello de Ames nos vindeiros anos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, efectuou hoxe unha visita ao IES Plurilingüe de Ames, onde tivo ocasión de coñecer de primeira man os proxectos educativos que se desenvolven neste instituto no que hai máis de 730 alumnos matriculados, así como comprobar a obra de peche do pavillón multiusos na que o seu departamento investiu preto de 450.000 euros.

Carmen Pomar salientou o compromiso deste IES coa implantación de proxectos educativos que a Consellería pon á disposición dos centros escolares en toda Galicia, sobre todo no que atinxe á ensinanza plurilingüe e a accións desenvolvidas no ámbito da biblioteca escolar entre outros; así como o alto nivel de rendemento académico do alumnado deste centro, cun cen por cen de aprobados nas probas de acceso á universidade no pasado curso, e con 7 premios extraordinarios de Bacharelato.

O IES de Ames implantou por primeira vez a ensinanza plurilingüe no ano 2011 na etapa de Secundaria e o curso pasado ampliouna a Bacharelato. Así mesmo, este centro é especialmente activo no que atinxe a proxectos que teñen como eixe central a súa biblioteca escolar. De feito benefíciase do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) impulsado pola Consellería; e tamén está adherido á iniciativa “Voluntariado na Biblioteca Escolar”.

Ademais, o IES de Ames participa noutras accións como son o Plan Proxecta, a través do cal forma parte da rede de centros activos e saudables cun proxecto deportivo de centro, e tamén un de Protexe o teu medio e outro de Educación Patrimonial; e dos Contratos-programa no que atinxe ás liñas específicas de mellora das competencias clave, mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e reforzo das competencias clave en 3º e 4º de ESO na modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

Compromiso da Xunta coa mellora educativa en Ames

A conselleira Carmen Pomar aproveitou a súa visita ao IES de Ames para ratificar o compromiso do Goberno galego coa mellora tanto das infraestruturas coma dos servizos educativos no Concello de Ames, un dos de maior dinamización demográfica de Galicia.

A este respecto sinalou a construción do novo CEIP de Ames, no Milladoiro, programada no Plan de Infraestruturas 2016-2020, cun investimento estimado de 4 millóns de euros. Nestes momentos a Consellería está a espera de que o Concello poña a disposición os terreos con todas as garantías urbanísticas esixidas por lei.

Así mesmo, cun investimento de 900.000 euros, Educación tamén vai acometer a ampliación de seis novas aulas no CEIP Agro do Muíño, logo de que se asine o convenio co Concello para a posta a disposición dos terreos.

É dicir, que a Consellería ten previsto investir nos vindeiros anos un montante de case 5 millóns de euros en melloras das infraestruturas educativas neste Concello, ao que hai que engadir a próxima sinatura do convenio para subvencionar o comedor escolar en cinco centros nos vindeiros dous cursos escolares. Para isto a Consellería destinará un total de 249.200 euros, o que supón un incremento do 16% con respecto ao convenio vixente ata o de agora.