A Xunta convoca 67 axudas á etapa posdoutoral do persoal investigador en Galicia

Con esta convocatoria favorécese a realización de estadías no estranxeiro e o retorno a Galicia, ao tempo que se apoia a consolidación e continuidade das persoas beneficiarias deste programa en convocatorias anteriores
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 15 de xullo para a modalidade A e entre o 1 e o 31 de agosto para a modalidade B
Sáb, 15/06/2019 - 09:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acaban de convocar un total de 67 axudas á etapa posdoutoral do persoal investigador, que poderán desenvolver o seu labor en organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego.

Os interesados en acceder a estas axudas -ás que a Xunta de Galicia destina un orzamento de 8.667.800 €- poden consultar as bases da convocatoria no Diario Oficial de Galicia .

O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e ao IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros.

Cómpre sinalar que esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación na formación posdoutoral no Sistema de I+D+i galego, polo que á hora de conceder as axudas se terá en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo. As axudas convócanse en dúas modalidades diferentes.

Modalidade A

A modalidade A consiste nun contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano en Galicia. Ademais, ata 10 solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos en Estados Unidos optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

Poderanse conceder ata 46 axudas, dun máximo de tres anos, cun importe máximo de 49.900 euros anuais. As contías serán variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía no estranxeiro e, no caso das persoas que obteñan a condición de bolseiras Fulbright, terán unha dotación complementaria de 5.000 euros en cada ano de estadía.

O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Ademais, unha dotación complementaria para aquelas solicitudes correspondentes a persoas investigadoras que consigan a condición de bolseiros Fulbright durante os dous anos de estadía nos EEUU.

O prazo para presentación de solicitudes desta modalidade estará aberto desde mañá ata o día 15 de xullo inclusive.

Modalidade B

A modalidade B vai dirixida ao persoal doutor investigador beneficiario dunha axuda posdoutoral na modalidade A da convocatoria de 2016 que acabou o contrato e acadou unha avaliación positiva e a aquelas persoas investigadoras da convocatoria do ano 2014 ás que, por circunstancias especiais, se lles concedese o aprazamento da avaliación, que completasen o programa e que acadasen unha avaliación positiva

Consiste nun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia, co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Poderanse conceder ata 21 axudas, de dous anos, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas. O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a  contratación de persoal investigador ou auxiliar, ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Nesta modalidade, o prazo para tramitar as solicitudes estará aberto desde o 1 ata o 31 de agosto deste ano.

O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e ao IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros.