A Consellería de Educación lamenta que os sindicatos non se presentaran a negociar na mesa sectorial

As organizacións sindicais decidiron non acudir esta tarde á convocatoria da mesa sectorial do ensino non universitario

A orde do día abordou as ordes para homoxeneizar por primeira vez os criterios de organización de Escolas Oficiais de Idiomas e conservatorios

Educación mantén a súa disposición ao diálogo e chama á responsabilidade aos sindicatos

Xov, 23/06/2011 - 19:20
A Consellería de Educación lamenta que os sindicatos non se presentaran a negoci
A Consellería de Educación lamenta que os sindicatos non se presentaran a negociar na mesa sectorial

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lamenta a actitude dos sindicatos, que se están a negar ao diálogo nas mesas sectoriais, co seu abandono ou mesmo a non asistencia ás mesmas. Esta mesma tarde as organizacións sindicais decidiron non acudir á convocatoria da mesa sectorial na que estaba previsto abordar as ordes de desenvolvemento de regulamentos orgánicos de centro (ROC) das Escolas Oficiais de Idiomas e conservatorios de música e danza.

Deste xeito, os sindicatos pretenden que a Consellería non poida aplicar os cambios no próximo curso. Con todo o departamento educativo da Xunta de Galicia continuará coa tramitación habitual das devanditas ordes, co fin de que estas poidan estar en vigor ao inicio de curso.

EEOOII e conservatorios

A Consellería de Educación levou á mesa sectorial de hoxe as ordes polas que se desenvolven os regulamentos orgánicos de centro de Escolas Oficiais de Idiomas e conservatorios de música e danza, con criterios homoxéneos para toda Galicia.

Deste xeito complétase o proceso polo que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dotou por primeira vez a estes centros dun regulamento específico para o seu funcionamento. Cómpre sinalar que os ROC establecen un marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, dando resposta a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas deses centros.

Estas ordes veñen completar aos correspondentes ROC, unha ferramenta para promover a excelencia en EEOOII e conservatorios. Así, establécense criterios homoxéneos para todas as Escolas Oficiais de Idiomas e conservatorios de música  e danza de Galicia, que veñen a substituír ás circulares de carácter transitorio, modo no que se viña operando ata o momento.

Con todo, e malia que os sindicatos se teñan negado a facer as súas achegas a estas ordes, a Consellería de Educación reitera o seu compromiso de sentarse a negociar todos os temas que se sigan levando á mesa sectorial, onde sempre estará disposta a consensuar calquera tipo de acordo que redunde en beneficio do sistema educativo.

Mellora da calidade

Cómpre recordar que o pasado martes as organizacións sindicais decidiron abandonar tamén a mesa de negociación. Nesa xuntanza os sindicatos rexeitaron o reordenamento da xornada laboral do profesorado de infantil, primaria e educación especial na súa quenda de intervencións, negándose posteriormente a escoitar a réplica da Administración na que se lles ían presentar os diferentes argumentos que motivan a modificación do reparto de horas lectivas. Posteriormente e, logo de pedir unha entrevista co conselleiro, rexeitaron a oferta de Xesús Vázquez Abad de recibir a unha representación composta por un membro de cada organización, querendo impoñer que recibira a todos os membros da mesa sectorial.

Coa modificación da xornada lectiva a Consellería aposta pola calidade do ensino, xa que a ampliación da carga lectiva permitirá aumentar as actividades de reforzo e apoio por parte do profesorado, de xeito especial no que toca á atención a diversidade e á atención a alumnos con dificultades de aprendizaxe. Así, Galicia busca ademais  equiparar a carga lectiva dos mestres galegos á do resto das Comunidades Autónomas, con 25 horas lectivas nas que se inclúen gardas e recreos. Neste momento Galicia é Comunidade Autónoma na que os mestres teñen menor carga lectiva.

Declaracións de José Manuel Pinal, presidente da Mesa Sectorial do ensino non universitario