Educación informa ao Consello Galego de Universidades da oferta académica para o vindeiro curso

O pleno do CGU informou favorablemente o informe do decreto polo que se fixan os prezos públicos universitarios, que permanecen conxelados por noveno ano consecutivo

Tamén se deu conta da proceso de acreditación dos campus de especialización, co fin de impulsar o seu labor investigador e mellorar a calidade da docencia

Lun, 10/06/2019 - 21:07
Educación informa ao Consello Galego de Universidades da oferta académica para o vindeiro curso

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta tarde o pleno do Consello Galego de Universidades (CGU) no cal se deu conta da oferta académica para o vindeiro curso 2019-20, que supón a implantación de 4 novos graos, 7 máster (un deles compartido entre as tres Universidades) e 1 programa de doutoramento nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), así como o aumento de prazas en 9 graos universitarios.

Así mesmo, o pleno do Consello Galego de Universidades informou favorablemente sobre o decreto polo que se fixan os prezos públicos universitarios para o próximo curso, a creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS); e deuse conta do proceso de acreditación dos Campus de Especialización.

Oferta académica

Na Universidade da Coruña (UDC) entran en funcionamento os graos en Ciencia e Enxeñaría de Datos (campus da Coruña), en Creación Dixital, Animación e Videoxogos (campus da Coruña) e en Xestión Dixital de Información e Documentación (campus de Ferrol).

Na Universidade de Santiago de Compostela (USC) comezará a impartirse o Grao de Robótica (campus de Lugo), o Máster en Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e o Desenvolvemento, Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, Máster en Investigación en ciencias da visión, Máster en Psicoloxía, Máster en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídico-Forense, e o Máster en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais.

A maiores, para o conxunto das tres universidades, porase en marcha o Máster universitario en Técnicas Estatísticas, coordinado pola USC, cuxa autorización supón o inicio do proceso de extinción do máster existente coa mesma denominación; e o Programa de doutoramento en Protección de Patrimonio cultural, conxunto entre as tres universidades do SUG, e cuxa autorización inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento existente coa mesma denominación entre a USC e a UVigo.

Incremento de prazas en graos xa existentes

No pleno do CGU tamén se deu conta do incremento de 67 prazas nun total de 9 graos cuxa oferta nos últimos anos non eran suficientes para cubrir a demanda existente, e que presentan alta taxa de graduación e empregabilidade.

Deste xeito, no vindeiro curso auméntanse as prazas no Grao en Enxeñería Informática no Campus de Ourense e no Campus de Santiago (+24), no Grao en Dereito no Campus Coruña e Campus Santiago (+15), no Grao en Matemáticas no Campus Santiago (+10), no Grao en Pedagoxía en Campus Santiago (+2), no Grao en Psicoloxía Campus Santiago (+10), no Grao en Educación Social no Campus Santiago (+2), e no Grao en Enxeñaría Mecánica no Campus de Ferrol (+4). Ademais introdúcese por primeira vez a formación dual no Sistema Universitario Galego, en concreto no Grao de Enxeñaría Eléctrica do campus de Ferrol, polo que este será o único de toda Galicia en ofertar un grao dual.

Cómpre lembrar que, por primeira vez logo de varios anos, a Consellería de Educación acordou permitir o incremento de prazas de grao e máster daquelas titulacións que cumprisen unha serie de requisitos como a demanda social, a taxa de egresados ou a taxa de empregabilidade, entre outros, e tamén tendo en conta o equilibrio da oferta dentro do conxunto do Sistema Universitario Galego. Froito destes axustes agárdase que por primeira vez en Galicia a taxa de cobertura das prazas ofertadas supere o 90% cando remate o proceso de matrícula do vindeiro curso.

Prezos públicos

O pleno do CGU aprobou tamén o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico, a través do que se conxelan un ano máis. Por tanto, os prezos a aboar por cursar estudos universitarios oficiais para o curso 2019-2020 non sufrirán incremento ningún respecto dos vixentes no curso actual.

Deste xeito, Galicia é a única Comunidade Autónoma que mantería conxelados os prezos das matrículas universitarias de grao por noveno ano consecutivo, e sitúase, de novo, coas taxas máis baratas do Estado para cursar estudos de grao e máster habilitante.

Proceso de acreditación dos campus de Especialización

Outro dos temas abordados no Consello Galego de Universidades foi informar da apertura do proceso de acreditación dos Campus de Especialización impulsado pola Consellería co obxectivo de impulsar unha organización territorial tendente a unha maior especialización, o impulso do labor de investigación e a mellora da calidade da docencia.

A conselleira Carmen Pomar informou aos representantes das tres universidades que este  procedemento de acreditación -que é pioneiro a nivel estatal- manterase aberto de xeito permanente, co fin de que as Universidades incorporen os seus proxectos de especialización cando consideren que estean suficientemente maduros para superar a avaliación externa.

Unha vez que o campus supere a avaliación e reciba a acreditación correspondente, a Secretaría Xeral de Universidades asinará un convenio para comprometer a tres anos os recursos necesarios incluídos pola universidade no seu plan operativo do campus.

O “Programa de Especialización dos Campus do SUG” foi lanzado no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próximas.

Este Programa -que supuxo un investimento total de máis de 14 millóns de euros entre os anos 2013 e 2018- permitiu o desenvolvemento de 8 proxectos con distintos graos de evolución que foron os Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), todos eles da Universidade da Coruña (UDC); o Campus Terra (Lugo) e o da Cidadanía (Santiago), da Universidade de Santiago de Compostela (USC);  e o Vigo Tecnolóxico (Vigo), o Campus Auga (Ourense) e o Campus Crea (Pontevedra), todos eles na Universidade de Vigo (UVigo).

Creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS)

O pleno do CGU deu tamén hoxe o visto e prace á creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), unha unidade centralizada para a coordinación e xestión dos estudos e programas de doutoramento, que teñan en conta as distintas especificidades e características das grandes áreas de coñecemento.

A EDIUS estará estruturada en catro seccións que agrupa as cinco grandes áreas de coñecemento que son Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Sáude e Ciencias e Enxeñarías. A creación deste órgano científico interdisciplinar leva consigo a extinción da Escola de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Sociais e Xurídicas; da Escola de Doutoramento Internacional en Campus Terra; da Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde e da Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía.

Outros asuntos

Por outra parte designouse a Antonio López, na súa condición de reitor da Universidade de Santiago de Compostela, como representante das universidades públicas de Galicia no Padroado da Fundación Cetal (Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo) ata abril de 2021. Seguindo a orde rotatoria establecida neste órgano, Antonio López substitúe ao reitor da Coruña, Julio Abalde, que exerceu nesta Fundación ata o pasado 30 de abril.

Así mesmo nomeouse a Monserrat Varcárcel Armesto representante das universidades galegas no Consello Galego de Cooperativas en substitución de Javier Bueno Lema.