Docentes lituanos interésanse pola Rede de Formación Permanente do Profesorado da Xunta de Galicia

Lun, 03/06/2019 - 17:42
Docentes lituanos interésanse pola Rede de Formación Permanente do Profesorado da Xunta de Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, recibiu esta mañá a un grupo de docentes lituanos que se atopan en Galicia para coñecer a Rede de Formación Permanente do Profesorado da Xunta. En concreto estas profesoras e profesores están a preparar un sistema para o desenvolvemento profesional dos novos docentes durante o seu primeiro ano de ensinanza. Entre outros asuntos que abordarán durante a súa estadía en Galicia, os docentes interesáronse por coñecer o sistema de formación de profesorado en prácticas, os principais obxectivos e medidas de desenvolvemento profesional continuo dos docentes así como as institucións involucradas nesta formación permanente.

A Rede de Formación Permanente do Profesorado está encabezada polo Centro Autonómico de Innovación e Formación (CAFI, situado en Santiago) e composta tamén polos Centros de Formación e Recursos (CFR) das outras 6 grandes cidades galegas. Ademais de desenvolver un Plan Anual de formación do profesorado, a Rede mantén constituído un grupo de traballo con representantes das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas para analizar as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexionar sobre as que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira. Este traballo, pioneiro en todo o Estado, redundou na publicación do informe Mellora da formación docente en Galicia: competencias profesionais.