A Consellería de Educación é recoñecida coa certificación en xestión da calidade UNE-EN ISO 9001

A aposta pola excelencia e os servizos da máis alta cualificación valeulle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a obtención deste certificado

Dom, 19/06/2011 - 11:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de recibir o recoñecemento da Organización Internacional para a Estandarización, co outorgamento da certificación de xestión da calidade UNE-EN ISO 9001 á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Deste xeito vese recoñecida a aposta pola excelencia e polos servizos da maior cualificación que está a facer a Consellería de Educación a través deste departamento. O obxectivo da Dirección Xeral é continuar a traballar nesta liña, co fin de acadar ao final da lexislatura acadar a cualificación EFQM (European Foundation for Quality Management), modelo europeo de calidade total baseado no Premio do mesmo nome, que constitúe un conxunto de criterios que permiten analizar a calidade da xestión dunha organización e os seus resultados.

É a primeira vez que todos os ámbitos de xestión dunha Dirección Xeral da Consellería de Educación se ven recoñecidos por unha certificación deste tipo. O vindeiro mércores o departamento educativo da Xunta de Galicia presentará nun acto público a planificación estratéxica que lle valeu este recoñecemento.

Unha estratexia a prol da calidade

A Consellería de Educación vén apostando por proporcionar servizos da máis alta cualificación, de acordo co seu compromiso coa calidade e a excelencia a través do fomento da cultura da mellora continua, e da eficacia baseada nos sistemas de xestión da calidade e da xestión por procesos.

Para a consecución destes obxectivos este departamento da Consellería está a desenvolver unha planificación estratéxica orientada á mellora da participación, a convivencia e o éxito escolar no nivel educativo non universitario.

Con este mesmo fin, trabállase para manter as competencias e formación do profesorado nun nivel acorde coas novas necesidades socio-educativas.

Satisfacción da cidadanía

Doutra banda, e na liña de xestión por resultados que caracteriza ás institucións recoñecidas coa certificación ISO, a Dirección Xeral aposta por unha xestión eficaz e eficiente dos procesos e recursos e a súa extensión na medida do posible aos centros educativos de todos os niveis nos que ten competencia.

Desta forma, ademais da excelencia do sistema educativo, búscase satisfacer as necesidades e expectativas clientes, sexan centros educativos, empresas colaboradoras ou a propia cidadanía.