O Goberno galego formaliza 99 novos contratos predoutorais de investigadores nas universidades galegas

As Consellerías de Educación e de Economía financian con 7,32 millóns de euros esta contratación que hoxe publica o DOG

Os contratos oscilarán entre os 20.500 e os 23.500 euros anuais por investigador en función da modalidade

Mar, 21/05/2019 - 11:27

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, xunto coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), veñen de resolver a formalización de 99 contratos predoutorais para científicos e científicas que desenvolvan o seu labor de investigación nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).

O Goberno galego destina un total de 7,32 millóns de euros ao financiamento destes contratos ata 2022, que teñen como principal obxectivo seguir dotando o sistema de estabilidade e impulsando a súa excelencia.

O programa de contratos predoutorais fomenta a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. Ademais, permite que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. En concreto, hoxe hai xa 240 contratos predoutorais, aos que se sumarán os 90 desta convocatoria, nas universidades enmarcados dentro desta liña de apoio.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, dos 99 contratos predoutorais concedidos, 57 correspóndense coa modalidade A. Estas axudas -dotadas con 23.500 euros anuais por contrato desde este ano ata o 2022- están enfocadas a potenciar as traxectorias de investigación vinculadas ás áreas estratéxicas segundo os obxectivos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación, e que orientarán as políticas de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020.

As 42 axudas restantes -cun importe de 20.500 euros anuais por investigador- correspóndense coa modalidade B, que busca garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, establecendo un número de prazas para aquelas áreas que se atopan con máis dificultades de encaixe directo nos sectores produtivos, pero que resultan fundamentais para o crecemento sustentable dunha economía baseada no coñecemento.

Ademais, todos os contratos das persoas investigadoras que o solicitaron inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo, a maiores, de 6.000 euros, en función do destino.

Por universidades, do total de contratos, 14 formalízanse coa Universidade da Coruña (UDC), 51 coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e 25 coa Universidade de Vigo (UVigo). A maiores o resto dos contratos serán coa Fundación Biomédica Galicia Sur (2), co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (2), coa Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (3) e coa Fundación Profesor Novoa Santos (2).