A conselleira de Educación visita o CPI de Cova Terreña

O centro é moi activo en diferentes programas educativos

Mér, 15/05/2019 - 13:53
A conselleira de Educación visita o CPI de Cova Terreña

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI de Cova Terreña (Baiona), onde se interesou polo funcionamento neste centro dos diferentes programas nos que está implicado. Non en balde, o centro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e desenvolve tres liñas dos contratos-programa: a de  Reforzo, orientación e apoio (PROA), que busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades; a de mellora da competencia matemática e a destinada á mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros.

O centro conta ademais desde o curso 2014/15 co proxecto de libro dixital E-Dixgal e participa en varias iniciativas do Plan Proxecta para a promoción do uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado (Aprendo programando) o fomento dos hábitos de alimentación saudables (Aliméntate ben), para o coñecemento do clima e meteoroloxía de Galicia (MeteoEscolas) e para o achegamento aos espazos, arquitectura e identidade territorial (Proxecto Terra). Durante o seu percorrido polo CPI, a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e polo alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal.