A exposición e guía didáctica do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo) dará a coñecer entre o alumnado de secundaria a figura de Fraguas

A conselleira de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística entregáronlle ao centro o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 na modalidade de ESO, BAC, FP e ensinanzas de réxime especial

Este proxecto e o gañador na categoría de infantil e primaria, do CEIP Xesús San luís Romero de Carballo, distribuiranse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior para festexar as Letras

Ven, 10/05/2019 - 15:22
A exposición e guía didáctica do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo) dará a coñecer entre o alumnado de secundaria a figura de Fraguas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, entregaron hoxe o premio do Concurso-Exposición das Letras Galegas ao IES Álvaro Cunqueiro polo traballo Insuela, nun acto celebrado neste instituto vigués. O certame escolar conta tamén coa colaboración de Feiraco, que estivo representada polo seu presidente, José Montes Pérez.

Carmen Pomar felicitou a alumnado e docentes pola súa implicación na elaboración dos carteis e guía didáctica gañadores, que recollen os valores de Antonio Fraguas, “un home que dedicou a súa longa existencia a recoller e protexer do esquecemento todo o que se estaba a perder da Galicia tradicional”, ademais dun “mestre con verdadeira entrega e vocación ao ensino”.

Así mesmo, convidounos a continuar investigando sobre a súa obra e figura porque, “citando ao actual presidente da RAG, Víctor Freixanes, “el abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade, o tesouro inmenso da cultura popular".   

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística dixo que “o proxecto gañador repasa fantasticamente a vida, a obra e a figura dun dos homes máis comprometidos coa lingua e coa cultura galegas do século XX, cuxa traxectoria e entrega a Galicia non se poden entender sen tomar como punto de partida o lugar e título elixido para a mostra: Insuela, a aldea cotobadesa onde naceu, un espazo tan pequeno como decisivo na biografía deste neno do rural que foi chamado para levar adiante e participar nos proxectos culturais máis ambiciosos da súa época”.

Técnica e modernidade

Do traballo galardoado, Insuela, o xurado salientou “a perfección técnica”, que “se conxuga coa modernidade” nunha serie de carteis que mostran “a traxectoria vital e o legado intelectual de Antonio Fraguas -unha obra dignificadora da cultura popular e das tradicións galegas a través de disciplinas diversas como a etnografía, a xeografía ou a historia- de forma parella ás circunstancias que condicionaron o devir histórico da Galicia do século XX”.

O traballo gañador está composto por 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 centímetros acompañados dunha guía con actividades que orientan a observación da mostra e fomentan o labor de investigación do alumnado.

Premios e difusión

O Concurso-Exposición Letras Galegas forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia vai desenvolver nas vindeiras semanas en honra de Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedicará o vindeiro 17 de maio, e que pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

Ademais da categoría na que foi premiado o instituto vigués, o concurso contemplaba outra para os centros de educación infantil e primaria, na que foi galardoado o CEIP Xesús San Luís Romero, polo traballo Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore. As exposicións gañadoras difundiranse no Portal da Lingua Galega e serán distribuídas por máis de 2000 puntos de interese: centros educativos, lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos, entidades da Rede de Dinamización Lingüística, centros da emigración ou bibliotecas, entre outras. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Antonio Fraguas Fraguas, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.

Os dous centros educativos gañadores reciben cadanseu premio en metálico por importe de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obtén unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).