A rehabilitación integral do IES Illa de Tambo executarase este verán e suporá un investimento de máis de 1,1 millóns de euros

Carmen Pomar sinalou que os traballos foron licitados hoxe mesmo

Ven, 10/05/2019 - 13:26
A rehabilitación integral do IES Illa de Tambo executarase este verán e suporá un investimento de máis de 1,1 millóns de euros

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, explicou esta mañá as obras de rehabilitación integral que se executarán este verán no IES Illa de Tambo (Marín). Os traballos realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018 e contan cun orzamento de 1.175.517,89 euros.

Nunha visita ao instituto, na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; a conselleira sinalou que os traballos foron licitados hoxe (na plataforma de Contratos Públicos de Galicia), o que permitirá comezalos a mediados do mes de xullo. No referido ás actuacións contempladas, inclúen accións para a mellora da eficiencia enerxética como o illamento da fachada mediante sistema SATE, a  renovación e illamento das cubertas con panel sándwich no edificio administrativo e no aulario e o revestimento interior das fachadas e da cuberta do ximnasio con chapa de aceiro prelacada, que conta con illamento incorporado.

Así mesmo, cambiaranse as ventás por outras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo, instalaranse novas persianas con lamas de aluminio con illamento a base de espuma de poliuretano e renovaranse as luminarias, colocando equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza nas aulas que teñen luminarias fluorescentes.

As medidas para a eficiencia enerxética completaranse coa instalación dunha nova sala de caldeiras de biomasa, así como de 3 silos prefabricados. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 72,60 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 80,20 % en emisións de CO2.

As intervencións de rehabilitación integral caracterízanse, a maiores de polas accións dirixidas a diminuír o consumo de enerxía,  por incluír outras obras para a mellora funcional dos centros. Neste caso, substituiranse os falsos teitos en mal estado por un falso teito rexistrable de paneis acústicos, limparanse e pintaranse os paramentos interiores e realizaranse varias melloras nas instalacións de electricidade. Ademais construirase unha rampla de acceso ao ximnasio para mellorar a accesibilidade.

Pontecesures

A Consellería licitou hoxe tamén, entre outras obras de rehabilitación integral que se realizarán este verán, a do CPI de Pontecesures, que conta cun orzamento de 849.026,87 euros. Neste centro tamén se colocará cuberta de panel sándwich de 30 mm na cuberta dos edificios administrativo e no de infantil e illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE, agás dos dous devanditos edificios, que ao ser de ladrillo cara vista levarán illamento mediante inxección na cámara de aire de perlas de poliestireno expandido.

No caso deste CPI tamén se instalarán novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e luminarias de alta eficiencia enerxética; medidas que combinadas coas anteriores accións suporán un aforro do 27,0 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 29,20 % en emisións de CO2.

A obra do CPI de Pontecesures completarase coa colocación de falso teito acústico no edificio de infantil, na segunda planta do edificio principal e no ximnasio, co pintado de paramentos e portas no edificio infantil e co pulido do pavimento de terrazo.