Educación quere que o profesorado recupere horas lectivas para dar máis servizos e optimizar recursos que garantan a calidade do ensino

O novo horario, que non aumenta a xornada de 37,5 horas, axustarase ao do resto das Comunidades Autónomas

Desta forma búscase máis atención ao alumnado e un axeitado apoio docente aos obxectivos educativos encamiñados á consecución da excelencia

Xov, 16/06/2011 - 20:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presentará na mesa sectorial do ensino non universitario do vindeiro martes 21 de xuño unha proposta para reordenar a xornada de traballo do persoal docente de educación infantil, primaria e educación especial, co fin de mellorar a calidade do ensino en Galicia. Na devandita xuntanza, que é obrigatoria pero non vinculante, os sindicatos poderán facer as alegacións que estimen oportunas. A nova orde, que será analizada na mesa coas organizacións sindicais mantén a xornada laboral en 37,5 horas semanais, das que 25 serán lectivas.

Axuste ao resto das Comunidades

O anterior goberno decidiu no ano 2007 reducir o horario lectivo do profesorado de 25 a 21 horas semanais. Cómpre sinalar que ningunha outra Comunidade Autónoma realizou unha redución como a efectuada polo bipartito.

A Consellería de Educación pretende restablecer agora como lectivas as 4 horas reducidas en 2007, efectuando unha regulación da xornada dos mestres, de tal forma que se axuste á mesma carga lectiva existente na maior parte das Comunidades Autónomas. Con esta medida a Consellería de Educación busca garantir un axeitado apoio docente aos obxectivos educativos en todos os centros de ensino de Galicia, co fin de mellorar a calidade educativa, a atención aos escolares e os resultados académicos do alumnado.

Cómpre lembrar que, tras o cambio operado no 2007 Galicia pasou a ser a Comunidade Autónoma na que os mestres teñen menor carga lectiva, o que non pode redundar en beneficio do alumnado.

Unha aposta pola calidade

A medida constitúe unha aposta pola mellora da calidade educativa en Galicia, dado que os docentes poderán ocupar máis tempo do seu horario de traballo a actividades lectivas encamiñadas á consecución da excelencia, sen ver por outra parte incrementado o número de horas laborais á semana.

A redistribución permitirá ademais un incremento de actividades de reforzo e apoio por parte do profesorado, especialmente importante para o alumnado de educación especial, algo que viñan reclamando os pais. Deste xeito os profesores de pedagoxía terapéutica (PT) e de audición e linguaxe (AL)  impartirán 4 horas máis lectivas á semana, o que redundará nun beneficio para este alumnado.

É necesario salientar que é a obriga da administración educativa adaptar os horarios lectivos ás metas e fitos educativos que se perseguen e que, como é natural, van mudando de acordo coa evolución do sistema.