Aberto o prazo para a incorporación de 25 novos centros escolares ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, PLAMBE

Trátase dunha iniciativa da Consellería de Educación dotada con 1,34 millóns de euros para o vindeiro curso 2019/20, que os colexios poderán destinar á adquisición de fondos documentais, a renovación de mobiliario e equipamento e a gastos de funcionamento

Dom, 21/04/2019 - 13:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual para a incorporación de 25 novos centros escolares ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, PLAMBE, para o vindeiro curso 2019/20.

Trátase dunha iniciativa dotada con 1.340.000 euros para o apoio aos novos centros que se sumen ao programa, así como para a continuidade por parte dos centros que se foron incorporando nas anteriores convocatorias.

As axudas para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. A súa adxudicación decidirase logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación  aos criterios  recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados). Así mesmo, á hora da selección dos centros, a Consellería dará preferencia, en igualdade de puntuación, a aqueles situados no ámbito rural.

No caso dos centros incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2010 poderán recibir asignacións para fondos; os que se integraran entre 2011 e 2013 recibirán asignacións para fondos e para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2014 e 2017 poderán recibir contías para fondos; e os incorporados en 2018 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

A biblioteca como espazo de dinamización e inclusión

O PLAMBE ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, no que se incorporen espazos para a creación,  a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.  

Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI.