O profesorado colaborador de Política Lingüística fórmase para titorizar os primeiros cursos en liña de linguaxes específicas

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo organiza, entre hoxe e o próximo martes, unhas xornadas de formación para teletitores na EGAP

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Formación en Galego 2011 da secretaría xeral, que inclúe por vez primeira cursos en liña para os traballadores públicos

Sáb, 11/06/2011 - 11:00

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza desde hoxe e ata o próximo martes unhas xornadas para capacitar o seu profesorado colaborador na titorización dos primeiros cursos en liña de linguaxes específicas. Un total de 30 persoas habilitadas para impartir os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega participan nestas xornadas, que terán lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública (Egap), en Santiago de Compostela.

As xornadas están estruturadas en dous módulos. O primeiro deles, que se desenvolverá hoxe en horario de mañá e de tarde, aborda a programación e os contidos dos cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica. O segundo módulo, que se desenvolverá nas tardes do luns e do martes, incide na formación pedagóxica da teleformación. Ademais, para poñer en práctica os coñecementos adquiridos, as xornadas inclúen unhas horas de formación a distancia.

Sistema de formación en liña para os traballadores públicos

Estas xornadas enmárcanse no Plan de Formación en Galego 2011 da secretaría xeral, que supón unha aposta decidida pola innovación nos formatos de aprendizaxe, utilizando internet e as novas tecnoloxías para ofrecer un servizo adaptado ás demandas de formación da cidadanía. Isto reflíctese en que, por vez primeira, a Xunta de Galicia ofrece este ano formación en liña para os traballadores das distintas administracións. Trátase dun total de 22 cursos de linguaxes específicas de nivel medio, 18 de linguaxe administrativa galega e 4 de linguaxe xurídica galega. Ademais, o Plan de Formación en Galego 2011 tamén lle dá continuidade á formación presencial para os traballadores públicos a través de 62 cursos.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo botará a andar a primeira experiencia de teleformación en linguaxes específicas o próximo mes de setembro. Ademais, a secretaría xeral tamén realizou este ano a segunda convocatoria dos cursos en liña preparatorios para a obtención do Celga 1, un total de 4, nos que participaron durante este mes de xuño 150 persoas.

Menús News node R