Carmen Pomar inaugura as xornadas sobre a lingua francesa no sistema educativo galego, que congregan uns 200 docentes

A conselleira de Educación lembra que o alumnado galego presenta unha taxa de resultados superior á media nacional na certificación oficial de niveis de francés

Ven, 15/03/2019 - 18:11
Carmen Pomar inaugura as xornadas sobre a lingua francesa no sistema educativo galego, que congregan uns 200 docentes
Carmen Pomar inaugura as xornadas sobre a lingua francesa no sistema educativo galego, que congregan uns 200 docentes

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, abriu esta tarde as 32èmes Journées Pédagogiques, un congreso organizado pola Asociación de Profesores de Francés en Galicia, celebrada hoxe no IES As Fontiñas, en Santiago e que congrega uns 200 docentes deste ámbito.

Carmen Pomar puxo en valor a extensión do coñecemento de idiomas a todas as etapas educativas, que xa está dando resultados cualitativos e cuantitativos no alumnado no idioma maioritario que é o inglés, pero tamén no francés, o máis escollido como segunda lingua estranxeira.

“Os nosos rapaces e rapazas son capaces de comunicarse, de expresar ideas e pensamentos nas linguas estranxeiras coas que están a traballar”, abondou a conselleira, quen salientou que o alumnado galego presenta unha taxa de resultados superiores á media nacional na certificación oficial de niveis de francés. Así se desprende das probas da última convocatoria do Delf Escolar (Diploma de estudos en lingua francesa) de 2018, que sitúa a Galicia como a cuarta comunidade autónoma de inscritos de toda España, e cunha taxa de resultados superior á da media nacional, co 100% de aprobados no nivel A1, case o 99% no B1 e máis do 97% no B2 de certificación.

Os centros educativos galegos contan cun amplo abano de programas de aprendizaxe en lingua francesa, así como con accións específicas de formación do profesorado. De feito, no presente curso escolar Galicia conta con 28 auxiliares de conversa en lingua francesa procedentes de catro nacións distintas (Francia, Canadá, Bélxica e Marrocos) que imparten docencia como profesores de apoio nos centros plurilingües en francés así como nas Escolas Oficiais de Idiomas.

A formación nas aulas complétase con programas de intercambio en centros estranxeiros da UE para que o alumnado de 3º e 4º de ESO mellore a súas competencias noutro idioma en centros estranxeiros da Unión Europea; ou con formación complementaria para alumnado de colexios e institutos que desexen presentarse ás probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas, con 61 programas neste curso, 13 deles en francés.

Ademais, o IES Plurilingüe Neira Vilas de Oleiros —o único centro plurilingüe en francés en Galicia— ten implantado o BachiBac, o programa de dobre titulación de Bacharelato e Bacclauréat, que permite o acceso aos estudos superiores e á formación e á actividade profesional, tanto en España como en Francia.