Carmen Pomar destaca como reto “facer visible a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia”

A conselleira de Educación participou na clausura dos programas formativos en xestión estratéxica e operativa de centros e unidades de investigación de excelencia

Sinala as estruturas de investigación excelente como símbolo da madurez do sistema de I+D+i en Galicia

Ven, 15/03/2019 - 13:25
Carmen Pomar destaca como reto “facer visible a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia”

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na clausura dos programas formativos en xestión estratéxica e operativa de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI e GOSCI). Trátase de iniciativas formativas que sinalou como “de carácter estratéxico para a Xunta de Galicia”, en base ao “convencemento de que os piares sobre os que se asenta a Universidade deste século son a cooperación, a innovación e a internacionalización”. “O noso reto é facer visible a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia, que o noso sistema universitario sexa unha das principais referencias cando se fale de investigación en España”, destacou.

Carmen Pomar explicou que as estruturas de investigación excelente representan a madurez do sistema de investigación universitario galego, cuxo enriquecemento é preciso para continuar avanzando polo camiño da excelencia. Neste sentido sinalou que este tipo de programas axudan a fortalecer a autonomía destas estruturas de I+D+i, así como a “afondar na creación dunha contorna atractiva de investigación universitaria, baixo a máxima de que o talento atrae talento”.

A conselleira agradeceu aos participantes a súa asistencia a estes programas formativos, compatibilizándoa co seu exercicio profesional, "un esforzo evidente que vos capacita agora para xestionar e maximizar os recursos que situarán ás vosas organizacións no liderado internacional, en contornas complexas, cambiantes e moi competitivas". Así mesmo salientou a calidade do cadro docente, os mellores expertos neste eido, "clave para facilitar e fomentar a unión dos líderes da investigación en Galicia".

Xestión de centros

Os programas formativos clausurados hoxe enmárcanse no convenio asinado entre a Consellería e FEUGA través do que as partes colaboran na transferencia de coñecemento e no posicionamento internacional do SUG. En concreto a liña de actuación consiste na organización de tres edicións de dous programas formativos pioneiros en España de xestión estratéxica (GESCI) e operativa (GOSCI) de centros e unidades de investigación de excelencia.

GESCI ten como obxectivo potenciar as capacidades dos investigadores principais do SUG para que lideren as unidades e centros galegos de I+D sobre unha base de eficiencia, accountability e excelencia científica. O programa consta de seis módulos temáticos (posicionamento, estratexia, gobernación, financiamento, persoas, management) e dous workshops (avaliación científica e institucional e habilidades directivas).

Pola súa banda GOSCI ten como finalidade potenciar as capacidades dos xestores de unidades e centros galegos de I+D para que colaboren coa dirección na definición e execución das accións establecidas nos seus plans operativos. O programa consta de seis módulos (posicionamento, estratexia, gobernación, financiamento, persoas, management), e catro workshops (avaliación de portfolio tecnolóxico, Leanstartup e emprendemento áxil, creatividade e European Innovation Council).