Carmen Pomar participa nun encontro co Comité Cientítico Asesor do Instituto Galego de Altas Enerxías da USC

Este órgano, formado por recoñecidos científicos a nivel internacional, é o encargado de avaliar e estratexia científica e a calidade da investigación da única unidade de excelencia María de Maeztu acreditada en Galicia

Ven, 08/03/2019 - 14:55
Carmen Pomar participa nun encontro co Comité Cientítico Asesor do Instituto Galego de Altas Enerxías da USC

A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe nun encontro co Comité Científico Asesor do Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE), da USC, reunido en Santiago para avaliar a estratexia científica e a calidade de investigación do que é o único instituto mixto da Universidade de Santiago e a Xunta, así como a única unidade de excelencia María de Maeztu acreditada en Galicia.

Dito comité está formado por científicos de primeiro nivel internacional e con experiencia na dirección dalgún dos máis importantes centros de investigación do mundo. O programa de traballo prolongouse durante dúas xornadas e incluíu reunións con todo o persoal investigador implicado en cada un dos oito programas de investigación do IGFAE. O obxectivo é avaliar a planificación estratéxica da Unidade, a calidade da investigación realizada e a identificación de oportunidades de reorientación e potenciación do labor investigador, entre outros.