A Consellería de Educación continuará os trámites para crear máis de 1.100 prazas de FP grazas aos novos centros integrados
A creación destes CIFP supón un novo avance, que permitirá atender a crecente demanda destas ensinanzas por parte da cidadanía galega
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará coa tramitación do decreto polo que se crean 7 novos centros integrados de formación profesional (CIFP), tras a súa presentación hoxe na mesa sectorial do ensino non universitario. Desta forma, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad creará máis de 1.100 novas prazas en ciclos formativos, cunha oferta flexible e variada, baseada na adaptación dos currículos ás necesidades dos sectores socioprodutivos de Galicia, e na extensión da FP a distancia ás 4 provincias galegas.
Algunhas organizacións sindicais plantexaron na mesa sectorial desta mañá adiar o decreto un ano, sen alegar razón algunha para facelo. Pola súa banda, os representantes da consellería reiteraron que a creación dos CIFP non supón prexuízo algún para alumnado, que será reubicado en centros da súa contorna, cun desprazamento mínimo, incluso nulo. Tamén se lles recordou aos sindicatos que o profesorado continuará coa súa actividade docente en centros da súa localidade.
Tal e como explicou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, á saída da mesa sectorial, “non continuar adiante con este reordenamento da FP sería deixar sen atender a aquelas galegas e galegos interesados en cursar formación profesional e en prepararse para acceder a un emprego”.
A Consellería, que respecta as opinións verquidas na mesa sectorial, está obrigada, porén, a garantir o beneficio de toda a sociedade por riba dos lexítimos intereses dos grupos.
Declaracións do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira