Educación investirá máis de 1,4 millóns de euros na renovación da instalación eléctrica do CIFP Politécnico de Santiago

A Consellería vén de licitar a obra, que conta cun prazo de execución de 19 meses

Dom, 03/03/2019 - 10:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de reforma da instalación eléctrica de baixa tensión no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. Cun orzamento de licitación de 1.432.459,45 euros, a remodelación terá un prazo de execución de 19 meses. A previsión é adxudicar a obra neste ano e executala no segundo semestre do ano 2019 e durante o ano 2020.

O obxectivo da actuación é adecuar a instalación eléctrica do CIFP ao requirimento da normativa actual e ao aumento da potencia das instalacións pola implantación de novos ciclos formativos.

A obra distribuirase en 6 fases, en función das partes do centro ás que afecte. En resumo, os traballos consistirán na demolición dos falsos teitos existentes e na desmontaxe e retirada do cableado e da iluminación actual. A continuación instalaranse novas canalizacións de forza e alumeado, novo cableado e cadros eléctricos e colocaranse luminarias led de alta eficiencia enerxética e falsos teitos que substitúan os demolidos.