A Xunta licitará este verán as obras de ampliación do IES Sanxillao (Lugo), cun orzamento de case 1,7 millóns de euros

A conselleira de Educación visitou esta tarde o centro

O obxectivo da actuación é dotar o centro de novas instalacións para os ciclos de FP de Hostalaría e Turismo

Carmen Pomar visitou tamén os conservatorios profesionais de Danza e Música da cidade da Muralla

Xov, 28/02/2019 - 20:28
A Xunta licitará este verán as obras de ampliación do IES Sanxillao (Lugo), cun orzamento de case 1,7 millóns de euros

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou hoxe que o seu departamento vai licitar este verán as obras de ampliación do IES Sanxillao (Lugo), que contarán cun orzamento de case 1,7 millóns de euros e que se poderían comezar a executar en 2020. Nunha visita a este centro, na que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, a conselleira explicou que o obxectivo desta actuación é dotar o centro de novas instalacións para os ciclos da familia profesional de Hostalaría e Turismo, na que está especializada o instituto. Non en balde, este curso o IES ofertou a FP básica de Cociña e restauración, os ciclos de grao medio en Cociña e gastronomía e en Servizos en restauración e os de grao superior en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración (este último no réxime modular para adultos).

A obra, que se desenvolverá en dúas fases, consistirá na edificación dun novo volume sobre a pista deportiva descuberta do centro, que estará conectada a nivel da planta primeira co edificio existente. No novo edificio situaranse un taller-restaurante, talleres para panadería e repostería, un taller para elaboración de pratos fríos e outro para a elaboración de pratos quentes. A superficie total nova construída ascenderá a 660,80m².

Xa na segunda fase, está previsto actuar tamén no edificio existente, modificando os vestiarios e os aseos da planta baixa. Así mesmo, na planta primeira redistribuiranse os espazos para crear un taller que faga as funcións de bar-cafetería, unha aula de cata e unha aula polivalente; mentres que na segunda planta se creará unha segunda aula polivalente ademais dun almacén para material e mobiliario. A superficie total reformada será de 726,64 m².

Con esta actuación solucionarase a necesidade do centro de ampliar os seus espazos para dar resposta ao incremento de matrícula tanto na FP como en ESO e Bacharelato. A conselleira quixo salientar, neste sentido, o compromiso da Consellería coas infraestruturas educativas non universitarias de Lugo cidade, nas que se levan investido máis de 18 millóns de euros desde 2009 en melloras e equipamento, e en concreto das centradas na Formación Profesional. Non en balde, a Consellería remodelou totalmente nestes últimos anos o CIFP As Mercedes, o que supuxo un investimento de máis de 5,3 millóns de euros.

Carmen Pomar achegouse tamén esta tarde ao Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o único desta disciplina dependente da Consellería en Galicia, e máis ao Conservatorio Profesional de Música da cidade.