O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos nas letras galegas

Dúas alumnas de 3º de ESO do CPR Divino Maestro de Lugo foron as gañadoras do concurso de microrrelatos organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Editorial Rodeira

Patricia Vázquez e Inmaculada Alonso recibiron o seu premio esta mañá en Santiago de Compostela

Mér, 08/06/2011 - 14:18
O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos
O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos nas letras galegas

O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos nas letras galegas a través do concurso de microrrelatos da actividade A guerra das bruxas, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Editorial Rodeira.

A gañadora e a finalista do concurso, Patricia Vázquez e Inmaculada Alonso, dúas rapazas de 3º de ESO do CPR Divino Maestro de Lugo, recibiron o premio esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto que estivo presidido polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. O secretario xeral felicitou as galardoadas e recordoulles a todos os mozos e mozas que asistiron ao acto –compañeiros e compañeiras das premiadas– que eles son os auténticos protagonistas do programa Bocaberta, unha iniciativa que busca “achegarlles aos máis novos a lingua galega dun xeito lúdico, con actividades ligadas ao seu tempo de lecer e aos seus intereses”. “Con esta iniciativa –engadiu– queremos favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas, un sector prioritario na planificación da actividade dinamizadora da secretaría xeral, e promover unha visión positiva do idioma”.

Pasado, presente e futuro nunha pedra, de Patricia Vázquez, foi o relato gañador do concurso de microrrelatos d’A guerra das bruxas. O texto finalista, da autoría de Inmaculada Alonso, foi O feitizo da besta. Ademais, o xurado decidiu outorgarlle un accésit a Paula Torea, do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña.

Xunto con Anxo Lorenzo tamén participaron no acto, que tivo lugar na Biblioteca Pública  Ánxel Casal, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría xeral, Cristina Rubal; a directora da empresa Reverso, Concha Diéguez; e a responsable de edición da Editorial Rodeira, María Xesús Gómez. A representante da editorial, que formou parte do xurado do concurso, destacou “a dificultade que implica unha composición literaria narrativa breve como o microrrelato” e “asegurou que se hai algo complicado é conmover o lector, sacudilo, deixalo abraiado a través dunhas poucas liñas de texto”.

Unha viaxe lúdica pola lingua

O eixo central da actividade de Bocaberta A guerra das bruxas foi a realización de xincanas, para o que a Editorial Rodeira contou coa colaboración da empresa de servizos lingüísticos Reverso. A través da actividade, os rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos puideron realizar unha viaxe lúdica pola lingua baseada na historia do libro O clan da loba. Os mozos e mozas tiveron ocasión de continuar esta viaxe pola rede, a través dunha serie de actividades, entre elas o concurso de microrrelatos, para traballar contidos relacionados coa historia d’O clan da loba, como a cultura popular galega máis máxica, mitolóxica e lendaria.

Bocaberta 2010-2011 foi unha das apostas máis importantes en materia de dinamización lingüística da secretaría xeral, que levou máis de 700 actividades –obradoiros de banda deseñada, concertos para a mocidade e o público infantil, xincanas, espectáculos de maxia, monicreques etc.– polos 315 concellos de Galicia desde outubro de 2010 ata o pasado mes de maio. Para o deseño e execución das actividades que conformaron Bocaberta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contou  coa colaboración de 14 artistas e entidades, entre eles editoriais, discográficas e empresas de dinamización propiamente dita: UTE Azou, Eme2, OQOeditora, Editorial Galaxia, El Patito Editorial, Everest, Edicións Xerais, Kalandraka, Tambre, Ir Indo e Rodeira, ademais de Pablo Díaz e Anxo Fariña,

Menús News node R