Carmen Pomar salienta o legado de Ventura Figueroa a través de bolsas que facilitan o acceso á educación

A conselleira presidiu a entrega dos diplomas ás persoas que obtiveron as axudas da Fundación que leva o nome deste político e clérigo

Dezaoito persoas acceden a axudas para o inicio e continuación de estudos superiores

Xov, 14/02/2019 - 19:53
Carmen Pomar salienta o legado de Ventura Figueroa a través de bolsas que facilitan o acceso á educación

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta tarde a entrega dos diplomas acreditativos ás persoas seleccionadas para obter as axudas ao estudo da Fundación Ventura Figueroa, unha das fundacións con fins educativos máis antigas de Europa en funcionamento.

Segundo indicou Pomar, estas bolsas constitúen “unha medida para apoiar e premiar os valores que representan os bolseiros, os do compromiso, espírito de sacrificio, e a dedicación que guía os vosos estudos”. A conselleira quixo destacar tamén a figura de Manuel Ventura Figueroa, que decidiu deixar en herdanza aos seus descendentes a oportunidade de educarse.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que estas axudas foron recibidas por moitos nomes ilustres como Bouza Brey, Cunqueiro ou Filgueira Valverde e sinalou que o seu obxectivo é facer “permanecer na memoria o espírito do mellor figueroismo, que nos indica que o camiño é a confianza nas ideas e na formación. Neste sentido recalcou a determinación da Consellería e da propia Fundación de “considerar a educación como un dos piares básicos da nosa sociedade e como a ferramenta básica para cambiar o mundo”.

No acto participaron tamén o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.

Bolseiros

A Fundación Ventura Figueroa convoca cada ano axudas ao estudo divididas en tres modalidades. A meirande parte son para o inicio ou continuación dos estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico e outras ensinanzas superiores, cun importe de 1.300 euros por persoa. As outras dúas modalidades van dirixidas ao inicio ou continuación dos estudos oficiais de máster universitario (2.600 euros) e ao inicio ou continuación dos estudos universitarios conducentes ao título de doutor ou doutora (3.900 euros).

Nesta ocasión a fundación decidiu conceder 17 axudas da primeira modalidade, en concreto a María Landín Lariño, David Pachego Rodríguez, Carolina Lloret González, Belén García Silva, Guillermo Landín Lariño, Pablo Area Paz-Andrade, Ramón Lens González, Juan Rafael Lens González, María Caridad Martínez Portabales, Ana Pastrana Barral, Sara Rodríguez Reboredo, María Doiro Lora, David Rivadulla Tilve, Antonio Touriño Pardo, Mateo Daniel Cao Sande, Adrián Lloret González e Uxía María Vázquez Touceda.  Ademais outorgouse unha bolsa para cursar estudos de máster oficiais a Pablo Boullosa García.

Ademais da traxectoria académica e a renda familiar, para acceder a estas bolsas é necesario demostrar algún grao de parentesco con Manuel Ventura Figueroa, de acordo co espírito que guiou a creación destas axudas.