Educación recoñece o traballo de seis estudantes cos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais

Dous deles cursaron estudos no Conservatorio de música Profesional de Lugo, un no da Coruña, un na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, un na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e outro máis no Conservatorio de Danza da Coruña

Sáb, 02/02/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes plásticas e Deseño. Con eles recoñécense

e valóranse publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo de seis alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no curso 2017/18 cun excelente resultado académico.

Dous dos premiados na modalidade de Música (Anxo Fernández Arias e Iria Fernández Silva) cursaron os seus estudos no Conservatorio de Música Profesional Xoán Montes de Lugo, mentres que a terceira das galardoadas nesta categoría, Mencía Resch Pérez, cursou as ensinanzas no Conservatorio de Música Profesional da Coruña.

Na modalidade de Artes plásticas e Deseño outorgáronse dous premios, un a Xulia Pisón Egea, que cursou os seus estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña), e outro a Lidia Alonso Sánchez da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago). Pola súa parte, a única premiada na modalidade de Danza, Marta Placer Lema, fíxoo no Conservatorio de Danza da cidade herculina.

A maiores da dotación económica, de 850 euros por premio, os galardoados recibirán un diploma acreditativo e anotarase esta distinción tanto nos seus expedientes como nas certificacións académicas que se lles emitan.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes debían contar cunha nota media igual  ou  superior  a  8,75  nos  dous  últimos  cursos  das  ensinanzas profesionais, nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Na modalidade de Música deberon, ademais, realizar unha interpretación como solista e presentar tres copias dunha gravación de vídeo na cal interpretasen tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade  non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música.

No caso dos estudantes de Danza, tiveron que presentar tres copias dunha gravación  de  vídeo na que interpretasen dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza. Pola súa banda as persoas aspirantes na modalidade de Artes Plásticas e Deseño tiveron que presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorrían.