A Comisión Escolar de Alertas suspende mañá, venres 1, as clases nas zonas de montaña de Lugo e Ourense

Agárdase un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por espesores de neve superiores a 20 centímetros

Xov, 31/01/2019 - 12:26

A Comisión Escolar de Alertas tomou hoxe a decisión de suspender mañá, venres 1 de febreiro, a actividade lectiva nas zonas de predición meteorolóxica da Montaña de Lugo e Montaña de Ourense debido a un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por espesores de neve superiores a 20 centímetros.

A suspensión de clases afectará, na zona de montaña de Ourense a 1282 alumnas e alumnos de 17 centros en 12 concellos. Na montaña de Lugo quedarán sen clase 788 alumnas e alumnos de 14 centros en 11 concellos.

Como é habitual nestas circunstancias, no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado nas zonas non afectadas pola suspensión, os directores poderán adoptar as decisións oportunas a este respecto.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf  ).