A Xunta destina preto de 18 millóns a 100 contratos predoutorais de persoal investigador e a axudas para os grupos de referencia máis competitivos do sistema de I+d+i galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estas dúas convocatorias

Mér, 30/01/2019 - 13:33

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, xunto coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina preto de 18 millóns á convocatoria de 100 novas bolsas para contratos predoutorais e a axudas para os grupos de referencia máis competitivos da I+D+i galega, co fin de seguir dotando o sistema de estabilidade e impulsando a súa excelencia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estas dúas convocatorias, que se poden consultar nos seguintes enlaces (predoutorais) (consolidación).

Formación inicial

O programa de contratos predoutorais fomenta a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. Ademais, permite que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. En concreto, hoxe hai xa 274 contratos predoutorais nas universidades enmarcados dentro desta liña de apoio.

A convocatoria divídese en dúas modalidades. Na modalidade A as axudas están enfocadas a potenciar as traxectorias de investigación vinculadas ás áreas estratéxicas segundo os obxectivos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación, e que orientarán as políticas de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020. A previsión é financiar 57 contratos predoutorais nesta modalidade e o importe de cada contrato ascenderá a 23.500 euros anuais.

Pola súa parte, a modalidade B busca garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, establecendo un número de prazas para aquelas áreas que se atopan con máis dificultades de encaixe directo nos sectores produtivos, pero que resultan fundamentais para o crecemento sustentable dunha economía baseada no coñecemento. Deste xeito, garántese un mínimo de 10 axudas no ámbito das universidades para Artes e Humanidades, e outras 10 para Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que o número de solicitudes o permita. Nesta categoría beneficiaranse un total de 43 investigadores que preparan a tese e o importe de cada contrato será de 20.500 euros anuais.

Ademais, ambas convocatorias inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo, a maiores, de 6.000 euros, en función do destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (agás os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros; e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros. As estadías no estranxeiro permitiranlles acadar a mención de doutor ou doutora internacional.

Consolidación

No caso da convocatoria de consolidación, vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia. O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso. Na concesión das axudas terase en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

A convocatoria estrutúrase en dúas modalidades. A primeira delas vai dirixida aos grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional. As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribuirase por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable. A esta modalidade destínanse 7.120.000 euros.

Pola súa parte a modalidade B diríxese a grupos de potencial crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia. As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a 3.330.000 euros.