Carmen Pomar visita o IES de Teis, un referente nas familias profesionais de informática e comunicacións e imaxe persoal

Precisamente para atender á demanda de ciclos formativos, Educación acaba de facer unha ampliación das súas instalacións, cun investimento de 1,6 millóns de euros

Mér, 23/01/2019 - 12:48
Carmen Pomar visita o IES de Teis, un referente nas familias profesionais de informática e comunicacións e imaxe persoal

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o IES de Teis, para coñecer de primeira man os proxectos educativos que se están levando a cabo no centro, así como comprobar as obras de ampliación acometidas e que supuxeron un investimento de 1,6 millóns de euros por parte do seu departamento.

Pomar asegurou que este instituto -no que hai uns 1.000 alumnos matriculados- é un referente na oferta de ensinanzas profesionais de Informática e comunicacións e de Imaxe Persoal, tanto de grao medio como superior e de FP Básica, xa que aglutina a práctica totalidade dos ciclos existentes en Galicia nestas dúas familias. A isto hai que engadir a participación do centro en programas educativos impulsados pola consellería, como a súa incorporación ao proxecto E-dixgal e a participación nos Plans Proxecta, nos Contratos-Programa e no Erasmus+.

Precisamente a ampliación das instalacións foi deseñada co obxecto de dar resposta ás necesidades de crecemento que está a experimentar a FP, coa implantación da FP Básica e dos ciclos formativos de 2.000 horas.

Deste xeito, dotouse un novo espazo de 1.179,60 m² distribuído en planta semisoto, acceso e alta. Na planta semisoto sitúanse os talleres de estética, aula polivalente de estética, departamento e vestíbulo para os ciclos de peiteado e estética. Na planta de acceso hai tres aulas polivalentes, un almacén de tecnoloxía con aula adxunta, unha aula de pedagoxía terapéutica, e 2 aulas de diversificación; e finalmente o andar superior acolle o laboratorio taller de informática –dividido en tres partes- e o departamento. A actuación complétase coa mellora da instalación de protección contra incendios e o redimensionamento da instalación de calefacción.

Segundo explicou a conselleira, esta obra exemplifica o compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo, onde nos últimos anos a Consellería leva investidos uns 20 millóns de euros co obxectivo de dispoñer dunhas infraestruturas educativas de calidade. 

En canto a novas actuacións, tamén no ámbito do impulso da Formación Profesional, a Consellería ten programado un pavillón e talleres no CIFP Manuel Antonio, cun investimento de medio millón de euros.

Trala visita ao IES de Teis, a conselleira desprazouse ao CEIP Altamar, onde tivo ocasión de saudar ao equipo directivo, aos docentes e ao alumnado deste centro con 183 matriculados.