A hostalería compostelá achégalles a lingua galega aos seus clientes a través da obra Relatos para noites de hotel

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na presentación do libro, que será distribuído nos establecementos de Pousadas de Compostela

Mér, 01/06/2011 - 18:45
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na presenta
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na presentación de Relatos para noites de hotel

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe, en Santiago de Compostela, na presentación de Relatos para noites de hotel, unha obra que inclúe os dous textos premiados no I Certame Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, en edición trilingüe galego, castelán e inglés.

Con este libro, do que se distribuirán 10.000 exemplares a través dos establecementos de Pousadas de Compostela, o sector hostaleiro compostelá quere realizar unha nova contribución á difusión e visibilización da lingua galega no ámbito socioeconómico.

Durante o acto de presentación, o responsable de Política Lingüística incidiu no importante papel que xogou e que xoga o ámbito literario para a promoción e proxección da lingua galego. Así mesmo, destacou o libro Relatos para noites de hotel como “un bo agasallo para que os clientes se acheguen ao galego, lingua maioritaria en Galicia”. Ao fío disto, asegurou que “a utilización do idioma contribúe a que o cliente de Galicia perciba a proximidade e a calidade do servizo”. En canto aos clientes que veñen de fóra, Anxo Lorenzo afirmou que “o galego se pode converter para eles nun atractivo máis, como parte que é do noso patrimonio cultural”.

Finalmente, o secretario xeral destacou que, debido á importancia do sector da hostalería na economía, a súa aposta polo galego é fundamental como exemplo para outros sectores empresariais.

Inma López Silva participa na obra cun relato

Relatos para noites de hotel –unha iniciativa promovida pola Asociación Hostelería Compostela e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística–, inclúe os dous textos premiados no I Certame Internacional de Relatos Pousadas de Compostela. Por unha banda, o da gañadora, Inma López Silva, que tamén participou na presentación de hoxe, e, por outra, o da finalista, Carmen Simón. No acto tamén interviu un representante de Pousadas de Compostela.