Educación concede máis de 14 millóns de euros en axudas a 69 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento nas universidades do SUG

Deste xeito 179 grupos de investigación do SUG contarán con financiamento estrutural estable dentro do programa de consolidación da investigación nas universidades

Mar, 08/01/2019 - 12:30

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas a grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), o que supón un importe de máis de 14 millóns de euros. Do total das 69 axudas concedidas, 44 son da modalidade de Grupos de Referencia Competitiva e  25 da modalidade de Grupos de Potencial Crecemento.

As 69 axudas outorgadas súmanse ás dos 110 grupos que a teñen vixente, para acadar un total de 179 grupos con financiamento estrutural estable. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa investigación universitaria de excelencia axudando á consolidación, estruturación e especialización das unidades de investigación máis competitivas do SUG. Non en balde, a convocatoria do ano 2019, que conta cun orzamento de máis de 10,4 millóns de euros tramitouse por anticipado e está pendente de publicarse no DOG.

Grupos de Referencia Competitiva

As axudas para Grupos de Referencia Competitiva van dirixidas á  consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación. Ao remate da segunda anualidade serán sometidas a unha avaliación que determinará a súa continuidade. Este apoio supón o pago anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación.

Así, a axuda constará de dous módulos. O primeiro deles, estrutural anual, estará composto dun fixo de 30.000 € na anualidade de 2019 e de 35.000 € nas anualidades de 2020 e 2021. A isto engádeselle un variable máximo de 30.000 € na anualidade de 2019 e de 35.000 € nas anualidades de 2020 e 2021, tendo en conta os ingresos medios do grupo. Trátase así  de axustar o orzamento ás posibilidades reais de execución anuais en función do número de solicitudes avaliadas positivamente e dos recursos dispoñibles. O segundo, variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, será de entre 20.000 € e 70.000 € ao ano. Isto supón que se destinarán 11.840.000 euros para a financiación de grupos de referencia competitiva.

Grupos con Potencial de Crecemento

No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos, mediante o pago anual dunha contía fixa de 45.000 euros, o que supón unha achega de 2.250.000 euros.