A consellería de Educación destinará 440.000 euros aos Premios de excelencia académica do alumnado universitario de grao

Carmen Pomar presidiu hoxe o seu primeiro Consello Galego de Universidades, no que explicou que estes galardóns recoñecerán o rendemento do estudantado
A conselleira destacou que o vindeiro ano o Sistema Universitario de Galicia (SUG) marcará un fito no seu financiamento, con 432 millóns de euros
Lun, 10/12/2018 - 15:30

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe o seu primeiro Consello Galego de Universidades (CGU), no que anunciou que o seu departamento ten preparada unha partida de 440.000 euros para os Premios de Excelencia Académica ao alumnado universitario de grao. O galardón enmárcase no Plan para a excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2018/20 e ten como obxectivo recoñecer o traballo dos estudantes máis destacados de cada curso –agás os de último curso no que poden optar aos premios extraordinarios fin de carreira– de cada unha das titulacións de grao que se imparten nas universidades galegas.

Nesta primeira edición premiaranse os mellores expedientes en cada un dos graos no curso 2017/2018. Serán as universidades quen seleccionen os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos. Cada persoa que resulte premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros.

A conselleira quixo salientar ademais que o vindeiro ano o SUG marcará un récord no que a financiamento se refire. Non en balde, a Xunta de Galicia destinará un total de 432 millóns de euros dos seus orzamentos para dar cumprimento ás disposicións do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020, unha cifra que marca un fito nas transferencias ás universidades na nosa comunidade.

Acceso á universidade

Por outra banda, Carmen Pomar informou aos membros do CGU de que, en cumprimento do mandato do Parlamento de Galicia, a Consellería elevou ao Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades a proposición non de lei aprobada na Cámara galega para que, dentro do marco do Pacto Social e Político pola Educación, se articule un procedemento de acceso á universidade no que as probas de acceso garantan o mesmo nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para todos os alumnos independentemente de en que comunidade autónoma residan.

O obxectivo é poñerlles fin ás desigualdades nas notas medias acadadas polo alumnado, dependendo de onde se presenten aos exames, o cal repercute de xeito especial no acceso a determinadas titulacións cunha maior demanda no Sistema Universitario Español.

No marco do CGU comunicouse, así mesmo, a solicitude de recoñecemento da Universidad Internacional de la Empresa (UIE), promovida pola Fundación Galicia Obra Social-Afundación. Nestes momentos a Secretaría Xeral de Universidades está a analizar a documentación presentada, co obxecto de emitir o preceptivo informe previsto no procedemento administrativo de recoñecemento de universidades privadas regulado na normativa vixente.

Modificación e verificación

Na xuntanza informouse tamén sobre as solicitudes de verificación ou modificación dos plans de estudos que teñen neste momento en marcha as universidades galegas, un total de 43 expedientes.

A Universidade da Coruña presentou un total de 13 solicitudes, dos que 8 son para a modificación de graos, 3 son para a oferta de novas titulacións (Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos e Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación) e outras 2 para modificar máster.

Pola súa parte, a Universidade de Santiago de Compostela presentou un total de 22  solicitudes, 2 delas para graos novos (Grao en Robótica e Grao en Xestión Cultural) e 4 novos máster (Enxeñaría de Procesado de Alimentos, Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais, Psicoloxía e Visión por Computador). Os restantes expedientes son para  a modificación de 4 graos, a reverificación de 3 máster e a modificación de 6 máster e 3 programas de doutoramento.

Finalmente, a Universidade de Vigo presentou un total de 8 solicitudes, 2 delas para máster novos (Industria 4.0 e Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Seguridade da Información), un para o novo programa de doutoramento en Turismo (conxunto da USC, UVIGO e 12 universidades españolas) e os restantes para a modificación de 3 graos, un programa de doutoramento e un máster.

Revogación de titulacións

No transcurso da xuntanza informouse favorablemente a revogación da autorización de impartición de 159 programas de doutoramento (39 da UDC, 75 da USC e 45 da UVigo) que iniciaron o proceso de extinción no curso 2013/14. Así mesmo, foi aprobada a proposta de revogación das seguintes titulacións:

TITULACIÓN

UNIVERSIDADE

Master universitario en Arquitectura da Paisaxe "Juana de Vega"

UDC/USC

Master universitario en Dereito. Estudos da Unión Europea

UDC

Master universitario en Enxeñaría Industrial

UDC

Master universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica

UDC

Master universitario en Didácticas Específicas (autorízase outro para o curso 18/19)

UDC

Master universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser

UDC/UVIGO

Master universitario en Xeoinformática

UDC/UVIGO

Progama de Doutoramento en Análise Económico e Empresarial,

UDC

Progama de Doutoramento en Ciencias Mariñas, Tenoloxía e Xestión/Programa de Doctorado en Marine Sciences, Technology and Management

UDC/USC/UVIGO

Progama de Doutoramento en Sociedade do Coñecemento: Novas Perspectivas en Documentación, Comunicación e Humanidades

UDC

Grao en Xeomática e Topografía

USC

Master universitario en Erasmus Mundus en Literatura Alemá na Idade Media Europea (Erasmus Mundus German Literature in the European Middle Ages).

USC

Master universitario en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

USC

Master universitario en Psicoloxía Educativa: Desenvolvemento e Aprendizaxe

USC

Master universitario en Dereito de Empresa

UVIGO

Master universitario en Enxeñaría da Organización

UVIGO

Master universitario Xestión Ambiental na Industria

UVIGO

Programa de Doutoramento en Economía e Empresa

UVIGO