Carmen Pomar apoia o alumnado que participa nas Galicia Skills 2018, a Olimpíada galega de Formación Profesional

A conselleira de Educación fixo un percorrido polos stands nos que máis de 130 estudantes de 52 centros públicos miden desde onte a súas destrezas en 26 modalidades formativas
Mañá coñeceranse os gañadores desta edición, que representarán a Galicia no torneo nacional, que terá lugar en Madrid o vindeiro ano
Xov, 29/11/2018 - 18:21

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o recinto feiral de Silleda onde se está desenvolvendo as Galicia Skills 2018, as Olimpíadas galegas de Formación Profesional que xa van pola súa quinta edición.

Carmen Pomar fixo un percorrido polos diferentes stands onde os 137 alumnos de 52 centros públicos de FP galegos levan desde onte participando en distintas exhibicións e competicións para expoñer as súas destrezas e habilidades en cada unha das 26 modalidades formativas presentes representadas neste evento.

A conselleira expresou os parabéns ao conxunto dos participantes, tanto alumnos como profesorado, por facer do Galicia Skills un escaparate que amosa a calidade das ensinanzas de Formación Profesional galega. Neste senso, Carmen Pomar ratificou o compromiso do Goberno da Xunta coa aposta cunha FP de prestixio, innovadora e conectada co tecido socio-produtivo da comunidade.

Logo de dous días de competición, mañá daranse a coñecer os gañadores das diferentes modalidades, que representarán a Galicia no torneo nacional que terá lugar en Madrid o vindeiro ano.

Para a celebración de Galicia Skills 2018 habilitáronse 10.000 metros cadrados na Feira Internacional de Galicia Abanca (en Silleda), con espazos propios para as exhibicións das modalidades de administración de sistemas en rede, carpintería, ebanistería, recepción hoteleira, cociña, servizos de restaurante e bar, panadería, coidados auxiliares enfermería, control industrial, electrónica, enxeñería de deseño mecánico-CAD, floraría, xardinaría paisaxística, fontanería e calefacción, instalacións eléctricas, mecanizado, mecatrónica, peiteado, pintura do automóbil, pintura e decoración, refrixeración e aire acondicionado, soldadura, solución de software para empresas, tecnoloxía da moda, tecnoloxía do automóbil e animación 3D e xogos.