O conselleiro de Educación asiste ao acto de fin de curso do IES 12 de Outubro en Ourense

Xesús Vázquez Abad estivo presente na despedida do alumnado de 2º de bacharelato e dos ciclos formativos, así como da entrega de orlas dos mesmos

Xov, 26/05/2011 - 20:07

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de fin de curso do IES 12 de Outubro, en Ourense, onde tamén participou na entrega das orlas aos estudantes da promoción 2011.

Durante a súa intervención o conselleiro recordou que os estudantes que hoxe rematan “deixan este centro cunhas competencias que lles permitirán a incorporación ao mundo laboral ou a unha educación superior. Saen a un mundo difícil, competitivo e globalizado, pero teñen as mellores armas para defenderse nel”.

Ao que engadiu unhas palabras para a directora que hoxe rematou a súa labor neste centro, tanto para ela como para outros compañeiros que se xubilan dixo que “que rematan a súa vida laboral cunha merecida xubilación que, desexamos que sexa activa, alegre e chea de retos cotiás nos que poñer toda a enerxía que empregaron na súa labor educativa ate o momento”.

En relación a todos os que desde hoxe comezan unha nova etapa, tanto estudantes como docentes Vázquez Abad dirixiuse diciendo que “alegrémonos pois polos que marchan, sabendo que o fan coa satisfacción das cousas ben feitas e gardando na nosa memoria a pegada que deixan nas nosas vidas. E miremos con esperanza aos que veñen, pois coa súa formación faranse as mulleres e homes do mañá”.

O acto

A directora do IES, Marina Fernández Díaz, que leva no cargo sete dos dez anos que leva no centro, inaugurou o acto precedida pola interpretación dun grupo de guitarras do conservatorio profesional de música. Tras isto a xefa da unidade de Oceanografía e Fitoplacton, do Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño e Galicia, Yolanda Pazos encargouse do relatorio “As microalgas na nosa vida”.

Posteriormente o conselleiro, a directora, e outros membros do equipo do centro despedíronse dos estudantes de 2º de bacharelato e dos ciclos formativos. Asemade entregaron as orlas aos de 4º da ESO, 2º de bacharelato e dos segundos ciclos formativos.  A celebración rematouse coa actuación dun grupo de gaitas do Conservatorio.

O centro

Este ano o centro contou con seccións bilingües e foi dos primeiros en traballar dentro do Proxecto Abalar. Asemade na súa aposta pola innovación forma parte do proxecto piloto Intelbank a través do que se busca dar un novo impulso ao uso das ferramentas dixitais entre docentes e estudantes.