A Consellería de Educación clausura as I Xornadas de Nais e Pais, no IES Rosais 2 en Vigo

Mér, 25/05/2011 - 20:00
A Consellería de Educación clausura as I Xornadas de Nais e Pais
A Consellería de Educación clausura as I Xornadas de Nais e Pais, no IES Rosais 2 en Vigo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apoiou a I Xornada de Nais e Pais, que se celebrou no IES Rosais 2, de Vigo, e que foi clausurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira.

Durante a súa intervención o director xeral recordou a importancia de que todos os axentes implicados na educación estean coordinados xa que “non podemos esquecer que o noso porvir e mailo porvir das novas xeracións, depende de maneira crecente da nosa capacidade actual para incrementar os niveis educativos da nosa sociedade. E nese labor, todas as nais e pais, cumprides un papel tan esencial coma imprescindible”.

Ao tempo que destacou a labor que esta a desenvolver a Consellería xa que “a inversión en educación é a máis importante que pode facer un país. A mellora da educación é tarefa de toda a sociedade, das familias, dos profesores e da administración”, e engadiu que “desde Educación apostamos polas novas tecnoloxías a través do proxecto Abalar. Do mesmo xeito tamén apostamos polas linguas e pola mellora das competencias lingüísticas dos alumnos, docentes e profesionais dos distintos eidos laborais, a través do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras”.

José Luis Mira tamén fixo referencia a unha das novas apostas da administración: os contratos programas, dos que dixo que “esta fórmula esta encamiñada á mellora do rendemento, a prevención e redución do fracaso e abandono escolar, así como a promover unha maior cohesión social, apoiando a autonomía organizativa dos centros e impulsando o traballo integral de toda a comunidade educativa e a formación do profesorado”.

A xornada

O encontro, que tivo lugar ao longo do mes de maio, tiña como obxectivo potenciar as relacións coas familias e optimizar o proceso de ensinanza e aprendizaxe dos estudantes. As xornadas comezaron a primeiros de mes co relato “Fillos en red-ados, pais preocupados”, de Arcadio Rodríguez, mestre en Educación e Linguaxe. Tras el, a mediados de maio interveu Herminia Estévez, matrona en Ourense e máster en Bioética pola Universidade de Santiago, con “Educación da afectividade”. O último relatorio “Nutrición e Saúde”, correu a cargo de Julio Astro, catedrático en Bioloxía da Universidade de León.