Galicia, Cataluña e País Vasco valoran accións conxuntas para a proxección internacional das súas linguas e culturas

O secretario xeral de Política Lingüística reúnese en Donostia cos responsables da difusión exterior do éuscaro e do catalán para avanzar nas vías de colaboración

Mér, 25/05/2011 - 13:00
O secretario xeral de Política Lingüística reúnese en Donostia cos responsables
O secretario xeral de Política Lingüística reúnese en Donostia cos responsables da difusión exterior do éuscaro e do catalán para avanzar nas vías de colaboración

Reforzar a proxección internacional das linguas propias e das culturas de Galicia, País Vasco e Cataluña a través de actuacións conxuntas entre os gobernos das tres comunidades. Este foi o obxecto principal da reunión que mantiveron esta mañá o responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a viceconselleira de Política Lingüística do Goberno vasco, Lourdes Auzmendi; a directora do Instituto vasco Etxepare (Etxepara Euskal Institutua), Aizpea Goenaga; e o máximo responsable da promoción exterior do catalán, Vicenç Villatoro, que dirixe o Institut Ramon Llull.

Durante o encontro, que tivo lugar en Donostia, na sede do Instituto Etxepare, os representantes dos tres gobernos puxeron en común as liñas de actuación que están a desenvolver para avanzar na promoción exterior das súas linguas e culturas, principalmente, a través dos centros de estudos e lectorados de galego, éuscaro e catalán que existen actualmente en diversas universidades de todo o mundo.

O galego nos plans de estudos das universidades do exterior

A este respecto, a Xunta de Galicia aproveitou este encontro para presentar os programas académicos de universidades de Europa e de América en que se inclúen materias de lingua, literatura e cultura galegas. Así mesmo, explicou os programas complementarios de actividades que se desenvolven para a difusión exterior da lingua e da cultura galegas, nos que se inclúen a realización de conferencias e xornadas sobre literatura e cultura galegas, a edición e difusión de diversas publicacións, a organización de concertos e exposicións, a emisión de programas radiofónicos en galego etc.

Coordinar actividades de promoción internacional das linguas propias

A partir da posta en común das diversas iniciativas e do intercambio de información, os representantes dos tres gobernos valoraron vías de colaboración que lles permitan aproveitar a presenza do galego, do catalán e do éuscaro nos plans de estudos de universidades do exterior para coordinar actividades de proxección internacional das súas linguas propias. Con este fin, a Secretaría Xeral de Política Lingüística amosou o seu interese por establecer un marco de colaboración co Instituto Etxepare e co Institut Ramon Llull para avanzar na consecución deste obxectivo.

No encontro tamén participaron o subdirector de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xoán Rivas; a directora de Promoción e Difusión do éuscaro do Instituto Etxepare, María José Olaziregui; e o director da área de Lingua e Universidades do Institut Ramon Llull, Andreu Bosch.

Declaracións do secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo.