Galicia Skills 2018 xuntará máis de 130 alumnos de 52 centros de FP para medir as súas destrezas

A competición galega, organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para poñer en valor o labor de centros, profesorado e alumnado, desenvolverase do 28 ao 30 de novembro en Silleda
Os gañadores das 26 modalidades formativas representarán a Galicia no torneo nacional, que terá lugar en Madrid o vindeiro ano
Mar, 20/11/2018 - 12:13

Galicia Skills 2018 xuntará máis de 130 alumnos de 52 centros públicos de Formación Profesional para medir as súas destrezas en 26 modalidades formativas. A competición, organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional desenvolverase do 28 ao 30 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. O obxectivo é poñer en valor o labor dos centros, do profesorado e do alumnado da FP galega. Os gañadores das diferentes destrezas representarán a Galicia no torneo nacional que terá lugar en Madrid o vindeiro ano.

Os alumnos deberán realizar diversas probas prácticas para demostrar as habilidades propias da profesión na que se están formando. Así, habilitaranse máis de 10.000 metros cadrados distribuídos en diferentes espazos para cada unha das modalidades: administración de sistemas en rede, carpintería, ebanistería, recepción hoteleira, cociña, servizos de restaurante e bar, panadería, coidados auxiliares enfermería, control industrial, electrónica, enxeñería de deseño mecánico-CAD, floraría, xardinaría e paisaxismo, fontanería e calefacción, instalacións eléctricas, mecanizado, mecatrónica, peiteado, pintura do automóbil, pintura e decoración, refrixeración e aire acondicionado, soldadura, solución de software para empresas, tecnoloxía da moda, tecnoloxía do automóbil e animación 3D e xogos.

Obradoiros e demostracións

Haberá tamén obradoiros de imaxe persoal, drons, artes gráficas e hospital de robots, así como demostracións de realidade virtual, con simuladores e 3D, e de cociña innovadora. Prevese que ao longo dos tres días máis de 5.000 persoas asistan a este evento aberto ao público e con entrada de balde.

Galicia Skills está organizado por e para a Formación Profesional, xa que son tamén os centros formativos os que se encargan de diversos servicios, como as comidas, a cobertura de imaxe e son, a atención ás visitas, apoio administrativo na organización, traballos de impresión e de balizado, elaboración de medallas e de reprografía e actuacións musicais e de danza para amenizar.

O evento convértese así nun valioso instrumento divulgativo da Formación Profesional e un medio para estimular o alumnado, o profesorado e as empresas. Supón tamén unha plataforma inigualable de intercambio e foro de debate sobre a evolución dos estándares profesionais, a calidade e a innovación nos diferentes sectores produtivos.

As competicións desenvolveranse durante a xornada do mércores 28 e a mañá do xoves 29. No serán deste día reunirase o xurado, formado polos titores que prepararon os equipos competidores e por expertos, para deliberar. Os gañadores coñeceranse nunha gala de entrega de premios prevista para o venres 30. Recibirá medallas de ouro e prata o alumnado que demostre maiores destrezas na súa modalidade, pero só os primeiros de cada categoría competirán en SpainSkills 2019.

Desde a súa primeira edición, en 2010, foron xa 313 os alumnos e alumnas que participaron nesta competición de carácter bienal, e que chega neste ano á súa quinta edición medrando con respecto a 2016 tanto no número de competidores (137 fronte a 100) como de competicións (26 fronte a 19).