Educación concede 140 bolsas a universitarios galegos para programas de mobilidade con outros países

A Consellería financia con 238.000 estas estadías a razón de 1.700 € por beneficiario, 200 máis que o curso pasado
Xov, 08/11/2018 - 12:48

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de conceder 140 bolsas a estudantes das tres universidades do SUG (Sistema Universitario Galego) para que no presente curso 2018/19 participen en programas de intercambio con países extracomunitarios (agás o programa Erasmus+) relacionados cos estudos que cursan.

O departamento educativo da Xunta destina un total de 238.000 euros a esta iniciativa, a razón de 1.700 euros por beneficiario. Neste ano incrementouse nun 28,4% o número de bolsas concedidas (ao pasar das 109 do curso pasado ás 140 actuais), así como a achega por alumno (200 euros máis que o anterior ano).

Do total de bolseiros, 71 deles cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 44 na de Vigo (UVigo) e 25 na da Coruña (UDC). No referido aos países, o máis concorrido é México (31 bolseiros), seguido de chile (30), Arxentina (25), EEUU (15), Brasil (13), Perú (6), China (3), Suíza (3), Corea do Sur (3), Australia (2), Bolivia (2), Colombia (2) , Ecuador (2), Xapón (2) e Paraguai (1).

Enriquecemento formativo

O obxecto destas axudas que hoxe publica o DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181108/AnuncioG0534-311018-0003_gl.html ) é promover o intercambio internacional entre estudantes, o que favorece a súa integración multicultural, e mellora os seus coñecementos profesionais e lingüísticos ao tempo que enriquece a súa cualificación e opcións cara unha futura incorporación ao mundo laboral.

Desde que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011/12, beneficiáronse deste programa un total de 912 universitarios, cun desembolso económico por parte da Administración que ascende a 1.198.000 euros.