Educación recorrerá a sentenza que anula a adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Pontevedra

Así o confirmou hoxe a conselleira Carmen Pomar no Parlamento, onde insistiu en que o fallo non se fundamenta no incumprimento ou vulneración de ningún precepto xurídico

Mér, 07/11/2018 - 19:58

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional recorrerá perante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula a adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra tras unha denuncia presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG). Así o confirmou hoxe a conselleira Carmen Pomar nunha intervención parlamentaria para responder as preguntas do BNG e do PSdeG sobre esta cuestión.

A titular de Educación insistiu en que a Consellería respecta o fallo ditado, pero sostén que na adxudicación non houbo desviación de poder e tivo como único obxectivo ampliar a oferta de coñecementos que se imparten por especialistas neste centro. “A decisión de presentar recurso baséase tamén en que a sentenza non se fundamenta no incumprimento ou vulneración de ningún precepto xurídico”, engadiu.

Segundo sinalou a conselleira, para o seu departamento a oferta da praza estaba xustificada con criterios pedagóxicos, xa que, tal e como recolle o informe da Subdirección Xeral de Ensinanzas de Réxime Especial, a impartición por docentes de diferentes especialidades redundaría nunha mellor formación do alumnado. 

Neste sentido, clarexou que calquera profesor do corpo de artes plásticas e deseño pode impartir, sexa cal sexa a súa especialidade, materias de 1º e 2º curso da ensinanza, que supoñen dous terzos da carga docente, tal e como recolle a normativa en vigor. De feito, no cadro de persoal da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra “existe profesorado de Secundaria en comisión de servizos, alleo, polo tanto ás especialidades que imparten”, indicou.

A conselleira incidiu tamén en que a relación de parentesco cun alto cargo non pode ser motivo de exclusión dun proceso selectivo, xa que o ordenamento xurídico español non establece esta circunstancia como impedimento para o acceso a unha praza ofertada nun concurso aberto e transparente.

Ademais, Carmen Pomar manifestou o rexeitamento da Consellería á impugnación feita polo sindicato CIG, que busca “unicamente a preservación de prazas ocupadas por persoal interino ou non especialista fronte a unha docente funcionaria de carreira”.