Educación e as universidades traballarán este curso na redefinición de 10 titulacións no marco do novo mapa

Trátase de 7 graos multiplicados con alta demanda e de tres parellas de enxeñarías habilitantes que non acadan este curso os 50 alumnos cada unha delas
Unha vez redefinidos, os novos títulos entrarían en funcionamento no curso 2020/21
Mar, 30/10/2018 - 19:28
Educación e as universidades traballarán este curso na redefinición de 10 titulacións no marco do novo mapa

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) comezarán a traballar este curso na redefinición de 10 titulacións para adaptalas á demanda do alumnado e ás necesidades sociais. Así se acordou na reunión de seguimento do Mapa de Titulacións, celebrada esta mañá, na que participou a titular do departamento educativo da Xunta, Carmen Pomar.

O obxectivo é seguir avanzando nesta folla de ruta de consenso, asinada cos tres reitores o pasado ano, que ten como finalidade establecer os principios reitores da planificación da oferta académica no sistema universitario de Galicia a medio prazo. Unha vez redefinidos, os novos títulos entrarían en funcionamento no curso 2020/21.

Titulacións multiplicadas

As titulacións que se abordarán ao longo deste curso divídense en dous grupos. Por unha banda, 7 titulacións que, aínda que contan con demanda, están a ofertarse en máis dunha universidade do sistema. Neste caso proporanse accións para diversificar a oferta mediante orientacións, ao tempo que se unifican contidos e competencias nos dous primeiros cursos favorecendo o recoñecemento mutuo co fin de facilitar a mobilidade dentro do SUG. Os graos que se someterán a este proceso serán os de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Enfermaría, Enxeñaría Informática e Química.

En primeiro lugar, emitiuse un informe de expertos académicos de fóra de Galicia que contén unha análise polo miúdo de materias, contidos e competencias dos plans de estudo existentes. Este informe propón unha homoxeneización de, polo menos, os dous primeiros cursos e suxestións de orientacións ou mencións para os dous últimos. A posteriori, constituirase unha comisión interuniversitaria integrada por representantes de cada universidade vinculados ao título que, a maior brevidade posible, analizarán e valorarán os títulos para a mellora e especialización dos mesmos. O paso final será presentalos á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e á Secretaría Xeral de Universidades para a súa verificación e autorización.

Enxeñarías de baixa demanda

Por outra banda, traballarase na redefinición de tres parellas de enxeñarías habilitantes que se imparten en dúas universidades diferentes e comparten unha falta xeneralizada e persistente de alumnado. En concreto os graos serán o de Enxeñaría Agraria (UVigo) e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (USC), Enxeñaría Forestal (UVigo) e Enxeñaría Forestal e Xestión do Medio Natural (USC), Enxeñaría Civil (USC) e Enxeñaría de Obras Públicas (UDC). Ningunha destas parellas de enxeñarías acada no presente ano académico os 50 alumnos matriculados.

Nestas titulacións, a solución proposta pasa pola elaboración de informes pola ACSUG nos que se analizan as características das titulacións duplicadas, tras o que se constituirá unha Comisión Interuniversitaria integrada por representantes de cada universidade vinculados ao título para a valoración dos devanditos informes. Nesa Comisión pactarase un plan de traballo para a elaboración de directrices conxuntas entre as tres universidades nas que se establezan os principios e procedementos de colaboración dos graos repetidos, buscando diferentes alternativas, desde a homoxeneización nos primeiros cursos e especialización nos seguintes ata a constitución de graos interuniversitarios. En todo caso, sempre será necesario o acordo explícito das universidades implicadas.