Carmen Pomar visita centros escolares de Noia e Lousame con programas educativos innovadores

A conselleira de Educación desprazouse ao CEIP Felipe de Castro (Noia) onde o seu departamento executará o vindeiro ano unha importante obra de rehabilitación enerxética e funcional que suporá, entre outros, o cambio da cuberta e das fiestras
Posteriormente acudiu ao CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), un centro de referencia no ámbito do plurilingüismo, das boas prácticas en convivencia e do emprego da biblioteca escolar, entre outros
Mar, 30/10/2018 - 11:42
Carmen Pomar visita centros escolares de Noia e Lousame con  programas educativos innovadores

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, desprazouse esta mañá á comarca de Noia para coñecer o traballo desenvolvido nalgúns dos centros da zona que incorporan proxectos educativos innovadores. Así mesmo, Pomar aproveitou a visita para manter encontros con docentes e alumnado dos colexios e abordar as demandas da comunidade educativa.

En primeiro lugar a conselleira desprazouse ao CEIP Felipe de Castro, en Noia, un centro que participa no programa Plambe (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares) e que se incorpora neste curso ao proxecto E-dixgal, de libro dixital, para 5º de educación primaria.

Mellora das instalacións

Ademais, este é un dos dous colexios da provincia da Coruña nos que o vindeiro ano se vai acometer unha importante obra de rehabilitación integral enerxética e funcional. Á falta das concrecións específicas do proxecto, a reforma das instalacións abranguerá  a substitución de cubertas e carpinterías, e actuacións en fachadas e luminarias entre outras, cun investimento estimado de 0,5 millóns de euros. O obxectivo é dotar as instalacións do CEIP dunha maior confortabilidade para os usuarios e aforrar nos custes enerxéticos.

A obra súmase a outras recentes, como é a construción -en colaboración co Concello- do pavillón deportivo anexo ao centro, no que a Consellería vén de investir 150.000 euros. En total, os investimentos do departamento que dirixe Carmen Pomar neste CEIP nos últimos anos ascende a 580.000 euros, contía que se eleva a 1,22 millóns de euros se se computan o conxunto dos centros educativos de Noia.

Na visita a este centro, a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

CPI Plurilingüe Cernadas de Castro

Posteriormente a conselleira de Educación visitou o CPI Cernadas de Castro, o único centro escolar do Concello de Lousame, onde cursan os seus estudos algo máis de 300 alumnos das etapas de infantil, primaria e ESO, e que é un referente na incorporación de programas educativos impulsados desde a Consellería.

Ao igual que o CEIP Felipe de Castro de Noia, o colexio de Lousame implantou por primeira vez este ano o programa E-dixgal, de educación dixital, para 5º curso de primaria. Ademais é centro plurilingüe desde o curso 2016-17 (para o cal conta cun auxiliar de conversa) en ESO e dispón dunha sección bilingüe.

Cómpre salientar tamén a súa participación noutros proxectos impulsados pola Consellaría e xa consolidados, como o Plambe (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) e os Clubs de Lectura, a través dos cales se trata de implicar o conxunto da comunidade educativa. Estas iniciativas xogan un papel esencial no afianzamento do hábito lector e na aprendizaxe de competencias clave. Son, ademais, espazos de convivencia e de desenvolvemento de habilidades sociais e comunicativas.

Así mesmo, a través dos contratos-programa, o CEIP de Lousame está a realizar accións específicas en liñas como a mellora das competencias clave, da convivencia, da promoción da igualdade nos centros e do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Outro dos aspectos máis salientables é a participación nos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP). Así, co proxecto específico sobre “Escola inclusiva e atención á diversidade” traballáronse técnicas de aprendizaxe cooperativa co fin de mellorar a coordinación docente.

No que atinxe á mellora das infraestruturas neste colexio, cómpre destacar a substitución da cuberta do centro e a construción dunha nova cuberta exterior, o que supuxo un investimento de algo máis de 124.000 euros. O cómputo total de obras de mellora neste centro nos últimos anos ascende a 340.000 euros.