As probas ordinarias de acceso á universidade, ABAU 2019, terán lugar os días 12, 13 e 14 de xuño

Xunta e Universidades pecharon tamén a convocatoria extraordinaria, que por primeira vez neste curso se adianta de setembro a xullo, concretamente para os días 10, 11 e 12 de xullo

Ven, 26/10/2018 - 16:15

A Xunta de Galicia, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional-, e mais os delegados reitorais na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) veñen de pechar as datas da Avaliación de Bacharelato para o Acceso a Universidade (ABAU) 2019, que quedou fixada para os días 12, 13 e 14 de xuño.

Ademais da convocatoria ordinaria de xuño, nunha recente xuntanza entre a Consellería e representantes das tres universidades, tamén quedou pechada a convocatoria extraordinaria que, por primeira vez neste curso, se adianta de setembro a xullo. Así, as probas extraordinarias da ABAU levaranse a cabo os días 10, 11 e 12 de xullo, dándolle cumprimento ao acordado o pasado ano.

Con esta decisión Galicia únese ás outras dez comunidades autónomas que xa en 2018 estableceron o mes de xullo como data para a convocatoria extraordinaria, unha medida que ano a ano adoptan un maior número de autonomías.

A modificación responde, por tanto, a unha racionalización do sistema que permite dar máis oportunidades ao alumnado, xa que os estudantes que superaban a proba en setembro chegaban á universidade coas clases xa comezadas. Por tanto, este cambio posibilita que na data do comezo do curso académico 2019-2020 (segunda semana de setembro de 2019), a práctica totalidade do alumnado de primeiro curso estea xa matriculado no grao universitario elixido.